O Concello únese á petición para que as Letras Galegas do 2021 volvan estar dedicadas a Ricardo Carvalho Calero

Acto institucional do Día das Letras Galegas | Concello de Ferrol

O Concello conmemorou hoxe o Día das Letras cun pequeno acto presidido polo alcalde, Ángel Mato, e ao que asistiron dous representantes de cada grupo municipal, entre eles, os catro voceiros: Julián Reina (PSOE), José Manuel Rey (PP), Jorge Suárez (FeC) e Iván Rivas (BNG). Os outros catro membros da corporación foron o primeiro tenente de alcalde e concelleiro de Cultura, Antonio Golpe; Martina Aneiros, edil do PP; Jesús Basterrechea, de FeC, e María do Mar López, do BNG. Tamén estivo presente unha sobriña de Carvalho Calero, Montserrat Blanco Carballo.

A homenaxe consistiu no despregamento dunha gran imaxe de Ricardo Carvalho Calero na fachada do pazo municipal e nunha pequena intervención do rexedor, que confirmou que o Concello se une á petición para que o próximo ano as Letras Galegas volvan estar dedicadas “ao noso máis grande lingüista”, tal e como coincidiron os portavoces municipais na Xunta de Voceiros celebrada esta semana.

O acto, que presenciaron dende a distancia moitas das persoas que nese momento se atopaban na praza de Armas, rematou coa interpretación do himno galego por parte dun cuarteto do Real Coro Toxos e Froles.

Verbas do alcalde de Ferrol

Durante o acto o alcalde de Ferrol, Angel Mato tivo unha pequena intervención sinalando que «Hoxe, coma cada 17 de maio, celebramos o noso idioma. Celebramos os 157 anos da publicación da obra que abriu o Rexurdimento, os Cantares gallegos da nosa meirande poeta, e este ano homenaxeamos tamén ao noso máis grande lingüista.

Ricardo Carvalho Calero é un orgullo para Ferrol porque transcende á nosa cidade. Os seus estudos sobre gramática e literatura serviron de alicerces do galego moderno e as posicións que defendeu na derradeira etapa da súa traxectoria constitúen unha mostra da riqueza dunha sociedade plural coma a galega, e tamén unha necesaria ponte sobre o Miño.

A cultura e a sociedade ferrolás levan moito tempo traballando por que o Día das Letras se dedicase a Carvalho Calero. Nada foi doado nin na súa vida nin na súa carreira, e as circunstancias difíciles deste momento obrígannos agora a que non poidamos festexalo coma quixeramos, máis si co mesmo sentimento.

Por ese motivo, este pequeno acto debe ser só un limiar. O Concello quere unirse á
cidadanía ferrolá e ás entidades que tanto tempo levaban reivindicando este día para solicitarlle á Academia que o próximo Día das Letras, o do 2021, estea tamén dedicado a don Ricardo.

Esta semana tiven a oportunidade de falar coas súas fillas, dona Margarita e dona María Victoria, que lamentaron profundamente non poder estar aquí hoxe. Pedíronme que lles trasladara a todas as ferrolás e a todos os ferroláns o seu agradecemento. Eu, en nome da cidade, manifesteilles o desexo de que o próximo ano estean aquí con nós.
Moitas grazas, e feliz Día das Letras Galegas».

 

Lea también

El Concello de Ferrol aprueba las bases de fomento de la cultura de 2025

Este lunes la junta de gobierno local ha dado el visto bueno a la aprobación …