A lendaria ponte do Burgo, unha das sete que o Bo mandara facer

José Fonte Sardiña
Unha lenda atribúelle a Fernán Pérez de Andrade o alcume do Bo porque afirma que patrocinou e mandou construír ou rehabilitar nos territorios dos señoríos que o rei Henrique II (1369-1379) lle outorgara importantes infraestruturas para o seudesenvolvemento económico, como sete pontes en sete ríos caudalosos, sete igrexas, sete mosteiros e sete hospitais. Así e todo, Manuel Murguía afirma que o Bo, de quen di que a lenda se apoderou da súa vida e tendeu sobre ela unha poética trama, recibiu este apelativo porque, sendo aínda moi novo, cando o futuro Henrique II o Bastardo ou das Mercedes fuxía perseguido polo seu irmán, o daquela rei, Pedro I o Cruel ou o
Xusticeiro (1350-1369), lle deu “refuxio na torre de Andrade. De alí pasou a Francia
levando na súa compaña a Fernán, a quen o seu pai lle dixo ao partiren: ¡Sé bo, que bo
compañeiro levas!, e de aí que fose coñecido despois con aquel alcume” (tomado e
traducido de Manuel Murguía: Galicia, primeira edición 1888; citado pola edición de
Sálvora, Santiago de Compostela, 1985, t. II, p. 1160).

Unha das prioridades de Fernán Pérez de Andrade, cando Henrique II lle concedeu os
señoríos polos favores recibidos, foi, xa que logo, construír unha rede de pontes que
unisen os seus territorios; entre Miño e Paderne, na Ponte do Porco, por atravesar o
Lambre; na Ponte Baxoi para cruzar o río que lle dá nome; en Lambre, para pasar o río
que bautiza ese lugar na parroquia de San Pantaleón das Viñas de Paderne; entre
Pontedeume e Cabanas, para salvar a desembocadura do Eume; entre Sigüeiro e
Santiago de Compostela sobre o río Tambre, onde lle engadiu un arco gótico á que xa
había; ou esta entre Culleredo e Cambre, no Burgo, para atravesar o Mero.

A localidade, de fondas raíces xacobeas ―desde a súa fundación polo rei Afonso VII
(1111-1157), tomou como padroeiro ao Apóstolo o e nome de Santiago do Burgo, que
esta parroquia do municipio de Cambre aínda conserva na actualidade, así como unha
igrexa baixo o seu patrocinio―, foi peirao de acollida dos peregrinos que chegaban por
mar a estas terras, sobre todo procedentes dos portos ingleses, e lugar de carga e
descarga de mercadorías marítimas.

A primacía, ata o século XIII, do porto do Burgo sobre outros foi debida á seguridade
que os cabaleiros da Orde do Temple lles proporcionaban tanto aos peregrinos como aos comerciantes que alí chegaban. Os templarios levantaron un castelo-fortaleza e unha igrexa, onde hoxe se atopa a ermida románica de Santa María do Temple, no municipio de Cambre. Estes cabaleiros custodios do Camiño de Santiago vixiaban desde a fortaleza a chegada dos barcos ao porto, dábanlles acollida, atención e aloxamento aos peregrinos e ofrecíanlles protección coa súa presenza na ruta. Contan que un deles trouxo de Xerusalén unha das hidrias das vodas de Caná, nas que Xesús Cristo, por intercesión da Virxe María, fixo o milagre da conversión da auga en viño (Evanxeo de San Xoán, 2, 1-11), que na actualidade se utiliza como pía bautismal.

Así e todo, a partir do século XIII, o da Coruña será o principal porto de acollida para os peregrinos que viñan a Galicia por vía marítima para realizar desde aquí a pé ou
dacabalo a ruta que os conduciría ata a sé onde repousan os restos do apóstolo Santiago en Compostela (Debuxo de Pier Maria Baldi no século XVII).

Parece que a ponte de pedra medieval do Burgo puido ter algúns arcos máis cá actual,
que hoxe estarían sepultados baixo as augas. Fora derruída o dezaseis de xaneiro de
1809 por sir John Moore para conter o ataque das tropas francesas antes da batalla de
Elviña; polo seu valor, o inglés foi enterrado con honores militares na Coruña e na súa
honra levantado na cidade herculina un monólito coa inscrición
HIC OCCIDIT JOHANES MOORE DUX EXERCITUS ANGLICAE IN PUGNA
JANUARI XVI 1809 CONTRA GALLOS A DUCE DALMATIAE DUCTOS (Aquí
morreu John Moore, xefe do exército inglés, o dezaseis de xaneiro de 1809, na batalla
contra os franceses comandados polo duque de Dalmacia) (Foto de E. Mosqueira).

A ponte estivo desde aquela en ruínas ata que o dezasete de xuño de 1993 foi
inaugurada, despois da súa reconstrución pola Escola Taller de Culleredo. Hoxe
presenta doce arcos de medio punto, dos que seis proceden da primitiva edificación,
separados por tallamares triangulares para conteren a forza da marea. É un paso seguro para os peregrinos que veñen desde A Coruña polo Camiño Inglés a Santiago de Compostela, porque ao seu carón, á esquerda, foi construída unha sólida ponte de
formigón destinada ao tráfico rodado.

Entrando por Cambre, no peitoril da dereita, ten labrado un escudo coa lenda AVE
MARIA GRATIA PLENA e a cabeza dun xabaril, símbolos da Casa dos Andrade, e ao
pé da ponte foi chantado un fermoso cruceiro.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …