Lenda da chegada da arca do dioivo a Noia e orixe do topónimo

José Fonte Sardiña

Conta o Libro da Xénese que, “vendo Deus que a maldade do home na terra era moi grande e que todos os pensamentos do seu corazón tendían decote ao mal […], lle dixo a Noé […]: Vou exterminalos a todos eles xuntamente coa terra. Fai unha arca de madeiras resinosas, divídea en compartimentos e calafatéaa con pez por dentro e por fóra […]. Eu vou guindar contra o mundo un dioivo para destruír baixo o ceo canta carne conserve un hálito vital e todo o que hai sobre a terra morrerá. Porén, establecerei contigo a miña alianza. Entrarás ti e mais os teus tres fillos e tamén as vosas mulleres.
De todos os seres vivos meterás na arca dous individuos de cada especie, macho e
femia, para que se salven contigo […]. Así o fixo Noé, consonte Deus lle mandou […] [Entrada de animais na arca de Noé, de Michiel Coxcie].

Irromperon todas as fontes do abismo e abríronse as fervenzas do ceo. E a choiva caeu sobre a terra durante corenta días e outras tantas noites  […] e as augas, sempre en crecida, levantaron a arca que aboiaba sobre elas […] e chegaron a cubrir mesmo os montes máis altos que había baixo o ceo […]. Todos os seres vivos foron exterminados[…]. Unicamente quedaron Noé e os que estaban con el na arca […] [O dioivo universal, de Miguel Anxo, Capela Sixtina].

E Deus fixo pasar un vento sobre a terra e baixaron as augas, pecháronse as fontes doabismo e as fervenzas do ceo e deixou de chover […]. A arca quedou ancorada sobre osmontes de Ararat […]. Noé soltou unha pomba fóra da arca, que, pola tardiña, regresou,traendo no seu peteiro unha poliña de oliveira. Soubo así Noé que as augas xa nonasolagaban a superficie da terra […]. Daquela, Deus faloulle a Noé e díxolle: Saíde da arca ti, os teus fillos e as vosas mulleres. Deixa marchar tamén a todos os animais que están contigo […]. Enchede a terra, procreade e multiplicádevos sobre ela” [tomado e traducido do Libro da Xénese, 6-8] [Pomba da paz, de Picasso].

Malia que os filólogos discuten sobre a orixe ben protoindoeuropea (noega, que
significaría Nova ou Vilanova) ben paleoindoeuropea (do hidrónimo neigw, prefixo que fai referencia ao verbo lavar) do topónimo Noia, a lenda fala de que foi debido a que pola súa ría entrou a arca de Noé, que fundou alí, no lugar da Barquiña, a vila onde quería quedar e na que sementou unha viña. Conta o Libro da Xénese, 9, 20-22, que Noé bebeu do seu viño, emborrachouse e quedou durmido, medio espido, na súa tenda e que os seus fillos, Sem e Jafet, colleron un manto e cubriron con el ao seu pai. Logo, di a lenda que Noé decidiu poñerlle á vila o nome de Noela, a filla de Jafet, e, co paso dos séculos e a evolución natural da lingua, aquel lugar, bieito pola man de Deus, acabou chamándose Noia.

Así pois, ese é o motivo polo que no escudo da vila están a arca de Noé e a pomba
bíblica coa poliña de oliveira no peteiro, que poden verse tamén no arco da porta do
Hospicio, do século XVI, a máis antiga representación coñecida do símbolo do concello[Escudo de Noia e Miniatura do Tombo A da Catedral de Santiago].

O rei Fernando II de León trasladou, no ano 1168, a vila de Noia ao lugar que hoxe
ocupa. Aquí viviu anos de esplendor na Idade Media dos que nos quedan fermosas
pegadas como as igrexas de San Martiño e de Santa María a Nova. A Ponte Nafonso,
que viu nacer e medrar, no municipio de Noia, á miña amiga Mary Dosil, que me
animou a contar esta lenda, foi tamén gabada en 1550 polo licenciado Bartolomé
Sagrario de Molina na súa Descripcion del Reyno de Galizia.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …