Un total de once centros escolares participan na sexta edición do “Certame Literario Carmela Loureiro”, unha iniciativa que convocan o Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL) como homenaxe a unha muller que foi profesora na zona e presidenta da entidade durante anos. Ademais, dedicou o seu tempo á lingua e á comunidade galega.
Os centros que participan son IES Concepción Arenal, CEIP Ponzos, CPI A Xunqueira, IES Ferrol Vello, Colexio Belén, CPI de Atios Valdoviño, CEIP Almirante Juan de Lángara, IES Canido, Colegio Ludy, IES Carvalho Calero e o IES Saturnino Montojo.
O certame literario consta de tres modalidades: na de microrrelatos, os textos deben comezar pola frase “Petou na porta, dixem “adiante” e entrou…”, recollida no libro “Scórpio”, de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas do próximo ano 2020. En canto á modalidade de micropoesía, o texto non pode exceder de seis versos. Para ambas dous, establécense catro categorías: A, para alumnos de 5º e 6º de Primaria; B, para 1º e 2º de ESO; C, para 3º e 4º de ESO, e D, destinada a bacharelato e ciclos formativos. Na modalidade de microteatro, o texto non pode exceder as 600 palabras e debe ter título. Neste caso, só pode participar o alumnado de bacharelato e ciclos formativos.
Todos os textos deben estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos e non poden ter recibido ningún premio ou accésit noutro certame ou concurso.
A convocatoria consta de dúas fases, unha interna e outra intercentros. Na primeira, é o propio centro quen decide a composición do xurado. No certame entre os centros participantes, o xurado está composto por un representante da CENL, outro do Concello de Ferrol, dous alumnos dos centos participantes propostos pola entidade e unha persoa destacada do mundo da literatura. O gañador de cada categoría en cada unha das modalidades recibirá unha tablet nun acto que terá lugar no mes de marzo.
Cristina Prados, concelleira de Normalización Lingüística no Concello de Ferrol, agradeceu a boa participación do alumnado dos centros educativos e lembrou que é unha “excelente” oportunidade para homenaxear a unha “figura tan ilustre e de tan merecido recoñecemento como é Carvalho Calero”.