A sexta edición do Certame Literario “Carmela Loureiro” do Concello estará dedicado á figura de Carvalho Calero

A concelleira Cristina Prados deu conta esta mañá na comisión informativa de Participación Cidadá da celebración da sexta edición do “Certame Literario Carmela Loureiro”, que un ano máis convocan o Concello de Ferrol e a Coordinadora de Equipos de Normalización Lingüística de Ferrolterra (CENL) como homenaxe a unha muller, profesora de Ferrolterra, durante anos presidenta da entidade e que dedicou o seu tempo á lingua e á comunidade educativa.

Tal e como explicou a edil responsable de Normalización Lingüística, o certame está destinado a todo o alumnado dos centros de ensino non universitario do municipio e daqueles centros da comarca que forman parte del CENL. Consta de tres modalidades: na de microrrelatos, os textos deberán ter título, non poderán exceder as 150 palabras e deben comezar pola frase “Petou na porta, dixem “adiante” e entrou…”, recollida no libro “Scórpio”, de Ricardo Carvalho Calero, protagonista do Día das Letras Galegas do próximo ano. En canto á modalidade de micropoesía, o texto non poderá exceder de seis versos. Para ambas dous, establécense catro categorías: A, para alumnos de 5º e 6º de Primaria; B, para 1º e 2º de ESO; C, para 3º e 4º de ESO, e D, destinada a bacharelato e ciclos formativos. Na modalidade de microteatro, o texto no poderá exceder as 600 palabras e deberá ter título. Neste caso, só poderá participar o alumnado de bacharelato e ciclos formativos.

Todos os textos deberán estar escritos en lingua galega, ser orixinais e inéditos e non poderán ter recibido ningún premio ou accésit noutro certame ou concurso. A convocatoria constará de dúas fases, unha interna e outra intercentros. Na primeira, os traballos entregaránselle ao profesorado e será o propio centro quen decida a composición do xurado.

No certame entre os centros participantes, os textos seleccionados deberán entregarse nun sobre pechado e cada centro presentará só dous por cada categoría en cada modalidade. O xurado estará composto por un representante da CENL, outro do Concello de Ferrol, dous alumnos dos centos participantes propostos pola entidade e unha persoa destacada do mundo da literatura. O prazo para entregar os textos en cada centro para a fase interna remata o venres 29 de novembro. Para o concurso intercentros, deberán entregarse no Concello antes do 18 de decembro. O gañador de cada categoría en cada unha das modalidades recibirá unha tablet.

Ensinar a debater

Na comisión de hoxe tamén se deu conta dunha nova edición do “Club de Debate”, dirixido ao alumnado de 3º, 4º da ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Trátase dun proxecto para dinamización lingüística entre a mocidade organizado por varios concellos que busca contribuír ao uso oral do galego e ofrecer recursos para a práctica de habilidades comunicativas e de relación interpersoal á vez que promove a reflexión e o intercambio de opinións. A concelleira Prados explicou que o obxectivo é ofrecer “un punto de encontro”, unha oportunidade “para coñecer as opinións dos alumnos sobre asuntos que lle afectan”. A edil sinalou que con esta iniciativa o Concello busca “promover o pensamento crítico e o análises, fomentar a diversidade de opinións, a tolerancia fronte a diferentes cuestións e o traballo en equipo”. Os centros interesados en participar no Club de Debate deben comunicarllo ao Concello de Ferrol antes do 29 de novembro a través do correo gnl@ferrol.es ou no teléfono 981 944 014. Os centros recibirán formación específica para a súa participación tanto na fase local como na fase final. Nos últimos anos participaron os centros IES Leixa, Saturnino Montojo, Canido e CPR Compañía de María.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …