O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol à vista da sentenza do TSXG polo proceso de suspensión da taxa de depuración no Concello considera que a cidadanía de Ferrol «está totalmente indefensa fronte a gobernos municipais que levan priorizando, durante moitos anos, os intereses das empresas fronte aos intereses das persoas e isto ten que ver coas decisións adoptadas polos anteriores alcaldes do PP e de FeC e coa actitude que mantén o actual goberno municipal do Partido Socialista que polas suas declaracións se desprende que non ten intención ningunha de recorrer esta sentenza. É por iso que o BNG insta ao Goberno local a recorrer esta sentenza pídelle que rectifique e non repercuta o cobro desas liquidacións nos veciños e veciñas de Ferrol«.
Para o BNG, con esta sentenza, se demostra que isto é «un paso máis na espiral de despropósitos que é o saneamento en Ferrol. Primeiro foi o PP que preparou o marco legal, elaborando unha ordenanza que nos facía pagar por unhas obras declaradas de interese xeral, que recollía conceptos que non se desenvolveron como o saneamento na zona rural, a pesar de que se nos tiña cobrado por eles, despois foi un segundo goberno municipal de FeC quen polo feito de dicir unha cousa e facer a contraria permitiron avalar as decisións e o marco legal estabelecido polo Partido Popular, que provocan que sentenzas como esta sexan asumida polo PSOE con compracencia e normalidade nun contexto no que no fondo os veciños e veciñas desta cidade pagarán por unhas obras de interese xeral, pagarán por unhas obras reparación dunha infraestrutura que se lles entregou defectuosa, pagarán pola depuración de concellos limítrofes como o de Narón e agora se pretende que paguen pola prestación dun servizo entre os anos 2015 e 2017 cando existen informes que aseguran que non se estaba a producir a depuración no concello de Ferrol«.
Para o BNG é unha «evidencia» que diante deste contexto os gobernos municipais no canto de defender os intereses dos veciños e das veciñas «están a priorizar e a poñer por diante de todo os intereses da parte privada». Os veciños e as veciñas desta cidade «se atopan plenamente indefensos diante dunha situación na que o actual goberno municipal considera que é prioritario sanear a empresa EMAFESA antes que paralizar todo este desastre e despropósito que tería que pasar en primeiro lugar por devolverlle a depuradora a Augas de Galicia, responsabilizar ao Concello de Narón para que participe dos custes que lle corresponden tanto de mantemento, conservación e reparación como de depuración e reclamarlle as administracións competentes no sistema de depuración no Concello de Ferrol e que deseñaron esta infraestrutura tanto o estado a través do Ministerio de Fomento e ACUAES como a Xunta de Galiza a través de Augas de Galiza a responsabilidade do desastre que lle están imputando aos veciños e as veciñas do concello de Ferrol».