En Narón amplo programa de actos con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero

O Concello de Narón deseñou un completo programa de actos, con propostas para toda a cidadanía, con motivo do 25N, Día Internacional contra a violencia de xénero. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e as edís de Igualdade, Mar Gómez, e Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron na mañá deste  mércores a programación, que dará comezo o vindeiro luns, día 18, e se prolongará ata o sábado 30 de novembro. Ferreiro animou ás veciñas e veciños da cidade a implicarse un ano máis nesta campaña “co fin de amosar publicamente a repulsa do conxunto da sociedade á violencia de xénero en particular, con motivo do Día Internacional contra a violencia de xénero, tendo moi presente que se trata dunha campaña sobre a que continuaremos traballando cos diferentes colectivos durante todo o ano co obxectivo de erradicar esta lacra social”.

Día 18

O día 18 iniciarase oficialmente esta campaña contra as violencias machistas a través de accións de sensibilización cidadá e co fin de implicar ao tecido asociativo, económico, educativo, deportivo, social e cultural e a toda a cidadanía contra as violencias machistas, rexeitando a violencia de xénero. Dende o Concello de Narón ofrecerase material promocional da campaña, a través da páxina web –www.naron.es- que se poderá descargar directamente para utilizar en sinal de respaldo ao 25N. Así mesmo, as asociacións e os establecementos comerciais e de hostalería que o desexen poderán pasar a partir do luns día 18 polo Concello –no terceiro andar- a recoller material promocional e informativo desta campaña, según avanzou a alcaldesa da cidade.

Exposición

Entre o venres 22 e o sábado 30 deste mes na Biblioteca municipal do Alto poderase ver unha exposición bibliográfica, titulada “Libros contra a violencia, a favor da igualdade”, na que se poderán consultar varios exemplares sobre esta temática.

Venres 22

Tamén o venres 22 se programaron dúas accións, a primeira delas, a tradicional Marcha Ciclista contra a violencia de xénero, na que participará alumnado de quinto e sexto curso de Primaria de centros de ensino da cidade, e organizada en colaboración co Padroado da Cultura. O colectivo, acompañado por persoal do Equipo de Educación Viaria, docentes e pais e nais, entre outros asistentes, sairá ás 9.30 horas dos colexios cara ao Auditorio Municipal, na Praza de Galicia, donde recibirán un avituallamento –froita e auga- e asistirán a un espectáculo teatral “a través do que se achegará a situación da muller na nosa sociedade e repasarán os estereotipos para desmontalos e avanzar de cara á necesaria consecución dunha igualdade real”.

Así mesmo, o día 22 entre as 17.30 e as 19.00 horas os nenos e nenas de 3 a 8 anos poderán ver no Centro Cívico Social do Couto o espectáculo “Somos iguais”, protagonizado por Raquel Queizás. As inscricións poden tramitarse a partir do 18 deste mes –ata o día 22- no correo electrónico: a.pita@naron.es. A través de historias de nenos e nenas ou de animais no espectáculo rómpense estereotipos que tamén están presentes nos contos e permitirán identificar determinadas situacións onde se explica a importancia de usar a palabra en lugar de recurrir a conductas violentas, tanto a nivel físico como verbal.

Día 23

A programación continuará o día 23 na Biblioteca, ás 11.00 horas, cun contacontos e obradoiro “=(Igual)” sobre a igualdade de xénero e no que poderán participar nenas e nenos a partir de 5 anos. Neste caso, as inscricións deben formalizarse a partir do martes 19 ás 16.00 horas nas citadas instalacións municipais ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.

Luns 25

O luns día 25 terá lugar o acto central do programa do 25N na cidade, que un ano máis, tal e como explicou a alcaldesa, Marián Ferreiro, consistirá nunha proposta de carácter institucional, aberta á cidadanía, e na que se procederá a ler un manifesto contra a violencia de xénero e se realizará a continuación unha ofrenda floral fronte ao Monumento á Muller, na Praza da Gándara a partir das 12.00 horas.

Os nenos e nenas serán novamente os protagonistas da xornada o luns 25 e o martes 26, tendo a oportunidade de participar na elaboración dun deseño sobre o rexeitamento á violencia e que se realizará nas instalacións da Axencia de Lectura da Solaina/Ludoteca. O luns será para nenas e nenos de 7 a 12 anos e o martes para os de 3 a 6, en ambos casos de 18.00 a 19.00 horas. Os menores tamén durante toda a semana do 25 de novembro participarán en xogos cooperativos para a prevención da violencia.

Venres 29

O venres 29 programáronse dúas propostas, a proxección de “Arturo y Clementina” e un debate sobre este audiovisual –para menores de 3 a 12 anos- na Axencia de Lectura da Solaina/Ludoteca, que se poderá ver a partir das 17.00 horas, e ás 20.30 o espectáculo teatral “O rueiro das liortas”, da compañía Elefante Elegante, no local social da Sociedade Cultural e Recreativa “A Pombiña”, de Pedroso, para menores a partir de 8 anos. Esta última proposta coorganízase coa Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta, ao formar parte o Concello da Rede de Dinamización Lingüística. Neste caso, a través da sátira preséntase o relato dunha sociedade inzada de estereotipos de xénero e comportamentos sexistas, explicando aos menores a importancia de erradicar este tipo de condutas.

Día 30

A última das actividades terá lugar o día 30 deste mes e consistirá nun contacontos, “Conto xogo” e xogos de cooperación para a igualdade de xénero na Biblioteca municipal, a partir das 11.00 horas. Para poder asistir será preciso inscribirse previamente, a partir do martes 26 de novembro ás 16.00 horas no mostrador da sala de adultos da Biblioteca ou chamando por teléfono ao número 981 382 173.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …