A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, abriu hoxe no salón de actos do Edificio Social a segunda Xornada Inclusión e Persoas sen Fogar, na que participaron máis de 60 persoas. Este foro analizou durante toda a mañá a problemática das persoas sen teito dende diferentes perspectivas. “Estamos a falar da máxima expresión da pobreza, da exclusión social”, asegurou Martínez Montero durante a súa intervención. “Son persoas que deixan de existir”, dixo, polo que “traballar con este colectivo supón un reto complicado”.
Para a edil, “as cousas que funcionan teñen que seguir”, e non só lles hai que dar continuidade, senón “impulso”, afirmou en referencia ao Grupo de Traballo de Persoas sen Fogar do Concello de Ferrol, do que forman parte cinco colectivos e entidades coordinados dende a concellería de Benestar Social. Precisamente deste grupo parte un “programa de transición á vida autónoma” no que, avanzou a concelleira, se está a traballar para que se poida poñer en marcha proximamente. Trátase dunha iniciativa coa que, dentro das políticas de inclusión que está a desenvolver o Concello, se pretende proporcionar un fogar alternativo a un albergue a cinco persoas que se atopen en situación de senfogarismo, exclusión social ou cunhas condicións sociais deficitarias e que así o precisen. Este servizo, de titularidade pública e supervisado polo Concello, estará xestionado por unha entidade social sen ánimo de lucro recoñecida como prestadora de servizos sociais na área de inclusión.
Eva Martínez Montero avanzou tamén outras accións nas que Benestar Social traballa nestes momentos, como un convenio coa Escola de Podoloxía do que se beneficiarán persoas sen recursos ou un proxecto financiado con fondos europeos que acaba de solicitar o Concello de Ferrol e que, de serlle concedido, servirá para proporcionar mecanismos de inserción social a 25 persoas durante un período de 17 meses.
Visita do alcalde
A Xornada Inclusión Social e Persoas sen Fogar incluíu un percorrido polo centro de día de Cáritas, na rúa Magdalena, ao que os participantes se trasladaron a media mañá durante unha pausa no programa de conferencias. Puideron ver as instalacións e recibiron a visita do alcalde, que quixo compartir con eles uns momentos para interesarse polo contido da xornada.
O programa contou coa participación, como relatores, de Ledicia Suárez Rodríguez, técnica da Consellería de Política Social, que explicou o plan de atención ás persoas sen fogar de Galicia; Joseba Gaya Mandaluniz, educador social e responsable da área de persoas sen fogar de Cáritas Bizkaia, que falou de “Traballando polos dereitos das persoas sen fogar: tendencias de intervención, besteBi, a Rede como ferramenta para a loita contra o senfogarismo”, e Xosé Cuns, director de EAPN, cunha disertación titulada “Combatemos as mentiras e os prexuízos xunto ás persoas sen fogar: #ContrAporofobia”.