Éxito de público na vixésimo primeira edición do Oenach Atlántico que se celebrou esta fin de semana en Sedes, Narón

A vixésimo primeira edición do “Oenach Atlántico” de Sedes rematou a última hora da tarde deste domingo na campa do Trece, na citada parroquia naronesa. A cita foi un ano máis todo un éxito, reunindo dende o pasado venres ata este domingo a numerosas persoas que desfrutaron coa ampla programación deseñada dende o Padroado da Cultura de Narón e a Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, de Sedes. A maiores de veciños e veciñas da cidade acudiron tamén persoas procedentes doutros concellos –entre eles Ferrol, dende donde integrantes da AVV Val de Esmelle colaboraron nesta edición- e tamén representantes de asociacións que organizan co Concello de Lugo o “Arde Lucus”, evento co que a pasada semana se irmandaba o “Oenach Atlántico”.

A tradicional cerimonia do acendido do lume na noite do pasado venres, día 26, marcou o inicio desta nova edición do “Oenach Atlántico”, declarado Festa de Interese Turístico de Galicia dende o ano 2014. Esa mesma noite numeroso público desfrutou do concerto que ofreceu nas inmediacións da campa o grupo de música tradicional galega “Leilía”.

A recreación de oficios tradicionais cobrou especial protagonismo nesta edición do evento, coas recreacións que tanto o sábado como este domingo se puideron ver de oficios como o tecido da lá, olería, canteiría, cestería e talla de madeira. Así mesmo, na zona da campa desenvolvéronse varios obradoiros dirixidos a nenas e nenos, que tiveron a oportunidade de aprender a perforar pezas de cerámica e madeira –podendo levalas ás súas casas unha vez rematadas-, técnicas de acendido do lume, petroglifos…

Iniciativas e actividades, todas elas, encamiñadas a dar a coñecer e poñer en valor a cultura celto galaica e o traballo realizado polas mulleres e homes da época castrexa. Tamén no marco destes obxectivos, veciñas e veciños da parroquia de Sedes cociñaron bolas de sartén e liscos que puideron degustar de balde as persoas que acudiron ao “Oenach Atlántico”, donde tamén se habilitou un posto de venda de comida a base de porco celta e en donde se cociñaron tamén –na zona da campa- porcos ao espeto.

O tradicional mercadiño de artesanía, no que se podían adquirir numerosos productos, foi outro dos atractivos deste “Oenach Atlántico”, abrindo tanto o sábado como o domingo  de 11.00 a 14.00 e polas tardes de 16.00 a 19.00 horas.

A animación deste evento correu a cargo do Cuarteto Rinchón, Rilo&Penadique, o grupo folk Tiruleque e un concerto de Mamá Cabra, na xornada do sábado. Chegada a noite tivo lugar a representación da obra “Buscando a Fara”, a cargo da Grande Compañía de Teatro Comunitario de Sedes e a segunda xornada do “Oenach Atlántico” rematou cunha mexilloada e unha repichoca popular na campa.

Este domingo

Na xornada dominical houbo unha nova representación teatral ao mediodía a cargo das veciñas e veciños de Sedes: “A conquista de Gallaecia”. Pola tarde sucedéronse as actuacións do Cuarteto Rinchón –a última a partir das 16.30 horas- e tamén actuaron a Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón -17.00-, e o grupo de danza tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón -18.00- e pecharon o programa o espectáculo infantil “A danza da choiva”, da compañía Elefante Elegante, e a actuación de Pelepau –a partir das 19.00-. As sesións de xogos populares continuaron tamén a partir das 16.30 horas e ata o remate desta vixésimo primeira edición do “Oenach Atlántico” de Sedes.

Lea también

La AD Náutico de Narón obtiene buenos resultados en el Cto de España de Duatlón

Buenos resultados del Shark Team en el Cto de España de Duatlón disputado en Ciudad …