Di o Libro da Xénese que Deus creou o mundo en seis días e, ao sétimo, descansou, e conta unha lenda que o lugar que o Creador escolleu para o seu repouso foi unha illa situada no norte do océano Atlántico, que hoxe coñecemos como Irlanda. Aquel Deus de inmenso poder estendeu a súa enorme man dereita sobre as augas salgadas e entre os ocos dos seus dedos xurdiron catro marabillosas rías, as de Ares, Betanzos, A Coruña e Ferrol, coas que ningunha outra podía competir porque naceran do propio corpo carnal da divindade. Así pois, Pontedeume quedou desde a creación irremisiblemente vencellado ao mar.
Non lle pode pois estrañar a ninguén que, cando o rei Afonso X, o trinta de decembro de 1270, mandou poboar o lugar que chamaban Pontedeume e fundar alí ex novo unha vila de reguengo, lles outorgase aos que decidisen vivir nesta pobra e no seu alfoz o dereito a pescar libremente e sen carga naquel mar, e ordenase tamén que non tivesen que pagar o portádego nin dereitos ningúns do que alí pescaren cos seus navíos.
Durante toda a súa historia, en Pontedeume sempre tivo unha grande importancia a pesca, cousa que se ve mesmo na toponimia menor que recolle o nome da rúa da Pescadería como un dos máis antigos da vila; o profesor Carlos de Castro atopou documentos nos que aparece citada como tal en 1574, aínda que pensa que a súa orixe ten que remontarse a unha época máis temperá. Sempre é un pracer pasear por esta rúa.
Así e todo, ao meu ver, os eumeses sentimos alí unha maxia especial o Venres Santo, ás oito da mañá, cando acompañamos as imaxes de san Xoán, a Verónica, o conxunto do Nazareno coa cruz ás costas e a Virxe das Dores, arrolados pola doce melodía do Paso.
Consciente tamén desa importancia da pesca en Pontedeume, o arcebispo Rajoy mandou facer en 1763 as lonxas de pedra que aínda hoxe se conservan na nosa ribeira e unha das principais actividades que alí se desenvolvían era a salga para a conservación do peixe.
O propio Ramiro Fonte asegura en Os meus ollos que, “para sermos xustos, as familias que vivían do peixe atesouraban a verdadeira memoria popular de Pontedeume. Gracias a elas, malia a nosa situación xeográfica, conformabamos aínda unha vila mariñeira.
Analfabetos, manexaban oralmente o fermoso dicionario do mar. Aprendíannos que as embarcacións do peirao se correspondían con distintos nomes, como caiuco, bote ou buceta, e que eran necesarios outros nomes como estrobo, tolete ou rizón para poder navegar nelas”.
Todo iso fixo que Abelardo Miguel pintase coma ninguén a vida dos nosos mariñeiros e peixeiras nos seus lenzos e que lograse, coa maxia da imaxe, transmitir o que dixera con palabras, non menos marabillosamente, Castelao en Sempre en Galiza (Libro I, capítulo XXXII) do noso mar e os mariñeiros galegos.
Sen dúbida é María Fidalgo Casares a persoa que mellor estudou a obra de Abelardo Miguel, á que lle dedicou a súa tese de doutoramento e unha boa parte do seu amplísimo traballo de investigación. Ela impulsou decididamente o nomeamento de Abelardo Miguel como fillo predilecto de Pontedeume, sendo instrutora do expediente preceptivo, no que buscou a colaboración doutros expertos como os profesores Ángel Sicart e Paz Gago e o noso común amigo Paco Singul, unha das persoas que máis sabe sobre a arte no Camiño de Santiago e todo canto ten que ver co mundo xacobeo.
Como dicía Ramiro Fonte en Os meus ollos, “nós eramos descendentes dos Andrade, unha das máis poderosas casas da Galicia medieval. Donos de vidas e facendas, señores de forca e coitelo, pero tamén cultos”. Así pois, imitemos a parte boa destes nosos devanceiros, rexeitando a pretensión de sermos donos de vidas e facendas e señores de forca e coitelo, pero fomentando como o facían a cultura, honrando aos que nos deixaron, como Abelardo Miguel, e apoiando o traballo de magníficos creadores eumeses que seguen na loita, como Ito Mosquera, o meu outrora veciño das Virtudes Jacobo Muñiz, Víctor Gómez Garabana, Sandra Sarmiento e tantos outros, para seguir sendo a vila culta da que sempre nos gabamos.