Cinco alumnos do Centro de Emprego de Ferrol comezan a traballar grazas ao obradoiro Costa Verde

Foto de familia dos alumnos do obradoiro Costa Verde coas autoridades | Xunta de Galicia

Cinco dos alumnos do obradoiro de emprego Costa Verde, promovido polo Concello de Ferrol e que levou a cabo o Centro de Emprego municipal, veñen de acadar postos de traballo aos que se incorporarán en breve. Así o explicou o director desta acción formativa, Francisco Javier López, no o acto de clausura, ao que asistiron esta mañá o alcalde, Ángel Mato; a concelleira de Emprego, María Teresa Deus; o delegado da Xunta, Ovidio Rodeiro, e o xefe territorial da Consellería de Economía, Industria e Emprego, Isidoro Martínez, e durante o que a todos os participantes no curso se lles fixo entrega dun diploma que os acredita para realizar actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

Tanto o alcalde como a concelleira felicitaron aos alumnos polo labor que desenvolveron mentres se formaban, coa que contribuíron á recuperación e ao correcto mantemento de varias parcelas situadas na zona rural ferrolá, e déronlles os seus parabéns por ter acadado o certificado de profesionalidade. Mato agradeceu á Xunta os aportes económicos para este tipo de iniciativas e insistiu na necesidade de que teñan continuidade no futuro polos bos resultados que están a dar.

O obradoiro de emprego Costa Verde, que contou co financiamento da Consellería de Economía, Industria e Emprego e ao que o Concello aportou unha achega orzamentaria, desenrolouse no Centro de Emprego de Ferrol durante os últimos nove meses. Nel tomaron parte nun principio 20 alumnos-traballadores, aínda que este grupo experimentou varios cambios na súa composición e finalmente foron 19 os que lograron completalo. Neste período de tempo, adquiriron, ademais das habilidades referentes á conservación e mellora de montes, formación complementaria en prevención de riscos laborais, sensibilización ambiental, medio ambiente na agricultura, técnicas de busca de emprego, alfabetización informática e igualdade de xénero.

A parte práctica da formación tivo como obxecto a conservación de parcelas na Torilla, no cuartel de Prior e no Bosque Monumento Torrente Ballester. Posteriormente, solicitouse unha ampliación do proxecto, concedida o pasado 16 de xuño, que permitiu mellorar o antigo estaleiro da Graña, onde se atopa o dique de mareas recentemente rehabilitado. En todas estas zonas, os alumnos dedicáronse a diferentes operacións forestais de roza, poda, apeo e plantación de especies autóctonas, ademais de tratamentos fitosanitarios. Os traballos tamén tiveron como obxectivo a prevención dos incendios forestais.

No transcurso do obradoiro programáronse unha serie de saídas didácticas nas que os alumnos observaron xeitos de traballo de diferentes empresas, nova maquinaria e técnicas agroforestais e de investigación. Visitaron o Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Guísamo, o Centro de Capacitación Forestal de Lourizán, a empresa Hifas da Terra (dedicada á produción e investigación con cogomelos e inxertos), Arboreto e Horta de Conservación de Foiteiras de San Sadurniño, a Feira Forestal Internacional de Tineo (Asturias) e Horticina (de produción de arandos). Precisamente esta última empresa, de Cerdido, é a que seleccionou a cinco dos alumnos-traballadores para comezar a traballar ao remate do curso.

En total, o presuposto co que contou o obradoiro de emprego Costa Verde, que comezou o pasado 30 de outubro, superou os 321.000 euros. A formación teóricopráctica e a práctica laboral/experiencial profesional tiveron unha duración de 445 e 995 horas, respectivamente. O persoal do corpo técnico estivo formado, ademais do director, por dous mestres de especialidade e unha titora docente.

Lea también

Sabores de outono, cita gastronómica con premio en el barrio ferrolano de Ultramar

  Este fin de semana tendrá lugar en el barrio de Ultramar la primera edición …