Ferrol en Común cre na rede de cidades educadoras. «Temos un conxunto de formadores e formadoras na nosa cidade de primeiro nivel, que aplican técnicas modernas de ensino, que fan dos nosos nenos e nenas unha fonte de curiosidade polo mundo que os rodea«. Esta inmensa fortuna choca coa baixa natalidade, co alto número de prazas vacantes que quedan nos centros e na perda progresiva de poboación, «tema que trataremos no epígrafe de promoción económica«.
Os centros escolares públicos (CEIPs) son de titularidade autonómica. Sen embargo, o mantemento, a xestión de comedores, as actividades extraescolares son competencia municipal, «que durante catro anos fomos mellorando na súa xestión«.
En canto á Universidade, pese a ser mínimas as competencias, «temos que recoñecela como un dos pés imprescindibles para a modernización da cidade que tanto anhelamos, o seu brillante equipo reitor desenvolveu unha actividade que fai, hoxe en día, do Campus de Ferrol un referente, e cun potencial de crecemento que o abra definitivamente á cidade e poidamos sentir a vida universitaria latexar nas nosas rúas«.
Nesa materia, «ofertamos toda a nosa colaboración, estando presentes en todas as necesidades que demandan do concello, tanto asesoramento técnico urbanístico, como cesión de espazos e colaboración no desenvolvemento de cátedras«.
Mellora na xestión dos comedores escolares, «con maior dotación de recursos económicos para unha alimentación saudable e con produtos de proximidade«.
Prestación, como ata o de agora, «de actividades extraescolares de balde aos centros, minorando as trabas administrativas que impidan o seu acceso en condicións de igualdade«.
Fornecer o Consello escolar municipal, «aumentando a periodicidade das súas reunións, con integración da área de benestar e posibilitar que introduzan puntos a tratar na correspondente comisión e pleno«.
Facilitar o desprazamento dos nenos e nenas do rural aos seus centros escolares.
Colaboración coa universidade no desenvolvemento do Campus industrial, «nas materias anteriormente descritas, baixo a premisa de cooperación, boa fe e procura do interese común, como aconteceu nos últimos catro anos«.
Fornecer a Ferrol como concello educador ao longo da vida para toda a cidadanía «na procura da mellora dunha Educación pública, de calidade, compensatoria, laica e universal».
O concello como referente e garante no desenvolvemento dos programas educativos compensatorios, «en permanente relación cos centros de ensino, nomeadamente daqueles con alumnado en situación social desfavorecida, con atención preferente aos barrios obreiros e populares«.
Posta en marcha de medidas para reverter a segregación escolar que afecta especificamente o alumnado con necesidades especiais, «abordando a alta concentración en determinados centros educativos«.
Recuperación da festa da árbore con lembranza ao mestre J.García Niebla.
Facilitar os estudos de educación para adultos para a poboación sen estudos e/ou de mellora de emprego. Establecer un punto de información municipal permanente no centro de Educación Permanente de Adultos de Caranza.
Optimizar o uso dos recursos dos centros educativos (pista polideportiva, biblioteca, sala de informática, etc.) en horario de tarde e de fins de semana.
Creación dunha Escola Municipal de Música e Artes Escénicas.
Ferrol en Común defende que o Concello de Ferrol debe ser o referente e garante dunha Educación pública, de calidade, compensatoria, laica e universal, «desenvolvendo programas educativos compensatorios, en permanente relación cos centros de ensino, nomeadamente daqueles con alumnado en situación social desfavorecida, con atención preferente aos barrios obreiros e populares, é dicir, fornecer a Ferrol como concello educador ao longo da vida, para toda a cidadanía«.
Procurar un ensino universal social e compensatorio «creando unha infraestrutura que coordine as accións necesarias das Concellerías de educación, servizos sociais, emprego e igualdade, en relación coas entidades educadoras da cidade«.
Elaborar un plan de choque para conseguir o éxito escolar, «poñendo en marcha medidas compensatorias para asegurar que rematen, polo menos, a educación secundaria obrigatoria«.
Inventariar e orzamentar as instalacións que dependan do concello (patios, pavillóns, hortos e árbores).
Concienciación, creación e conservación dos camiños escolares.
Recuperación da festa da árbore con lembranza ao mestre J.García Niebla.
Inserir a universidade no tecido educativo e cultural da cidade de xeito que sexa un referente para a cidadanía, máis alá das clases e títulos.
Desenvolvemento de campañas que potencien a inclusión como un factor determinante no desenvolvemento da persoa.
Facilitar programas e servizos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas familias con menores ou persoas con discapacidade, «especialmente naquelas unidades familiares unipersoais ou para favorecer a inserción social e laboral«.
Potenciar o Consello Escolar Municipal, os Consellos Escolares e as ANPAS.
Elaborar unha guía dixital permanente da oferta de formación escolar, extraescolar, ocupacional e de lecer de todas as entidades de Ferrol.
Optimizar o uso dos recursos dos centros educativos (pista polideportiva, biblioteca, sala de informática, etc.) en horario de tarde e de fins de semana.
Reivindicar que a oferta de comedores escolares sexan unha oferta da Consellería de Educación, «convertendo os comedores escolares nun espazo educativo e formativo«.
Mellorar o desprazamento das nenas e nenos do rural aos seus centros escolares.
Protocolorizar a relación entre os centros educativos e os Servizos Sociais municipais.
Implantar as escolas de nais e pais como medida compensadora.
En educación infantil, 0-3 anos, dotar de prazas públicas suficientes ás necesidades da poboación; de 3-6 anos, revisión, mantemento e substitución da dotación de xogos exteriores dos patios dos colexios.
En educación primaria, promover unha oferta actividades extraescolares segundo as necesidades do colectivo destinatario.
En educación secundaria e bacharelato, programar xornadas informativas cara a continuidade de estudos na FP, no bacharelato ou na formación cara ao emprego.
Na formación profesional, crear unha oferta de formación profesional permanente para o alumnado que non teña estudos e/ou experiencia laboral.
Establecer un convenio de colaboración único entre as empresas públicas e privadas, asociacións de empresas, outras entidades empregadoras, centros educativos e concello «para promover unha formación na empresa (prácticas) de calidade e o compromiso de contratación, potenciando a presenza do tecido empresarial nos centros educativos«.
Na universidade, agrupar a oferta universitaria da universidade da Coruña, campus Ferrol, en tres grandes centros coa finalidade de optimizar recursos:
Centro de enxeñarías, que recollería tanto os graos como os mestrados de enxeñaría industrial, naval, eléctrico, deseño.
Centro das humanidades e ciencias xurídicas, englobaría os graos e mestrados de ciencias do traballo e os de humanidades.
Centro das ciencias da saúde, con enfermaría, podoloxía e cun espazo para a clínica podolóxica.
Creación dun grao en prevención de riscos laborais (na actualidade é un mestrado).
Facilitar os estudos de educación de persoas adultas para a poboación sen estudos e/ou de mellora de emprego, establecendo un punto de información municipal no centro de educación permanente de adultos de Caranza.
DEPORTE
A riqueza deportiva de base é de elite na nosa cidade eclosionou nos últimos catro anos en forma de éxitos en múltiples disciplinas a nivel nacional, de forma individual, pero sobre todo colectiva.
Estes éxitos non se corresponden, por desgraza, «co estado decadente de todas as instalacións deportivas da cidade, construídas nas dúas últimas décadas do século vinte e condenadas ao abandono por falta investimento«.
Neste mandato fixéronse labores de actualización de instalacións importantes, como o cambio de iluminacióne cuberta do pavillón da Malata, o cambio da caldeira na piscina de Caranza, ou a mellora da praia da piscina da Malata. Aínda con todo é insuficiente, «e precísase unha planificación a longo prazo, xa exposta no apartado de obras de investimentos e financiamento para a mellora do xa existente, aspirar a novas infraestruturas neste eido sería sobordar as necesidades pola poboación de Ferrol, o cal sería un derroche«.
Por outra banda a proliferación de clubes que reciben unha subvención nominativa é, no campo administrativo, «unha actividade contra natura, que se vén mantendo dende o inicio da democracia«. Ferrol en Común está disposto a dar un paso valente, e mudar nominativo por concorrencia, «para fomentar o deporte de base, evitar discrepancias entre clubes e equiparar, con métodos obxectivos e baremables a correcta administración dos recursos públicos«.
Por último, o Concello de Ferrol non pode ser mero testemuño das actividades que desenvolven os clubes. Ademais de impulsar, «como vén facendo a Adolfo Ros, a carreira noctura, travesías a nado, e múltiples actividades, debemos volver ao deporte na rúa, en espazos naturais que debemos poñer en valor, e prestar especial atención a colectivos en risco de exclusión«.
Impulsar o deporte base en todas as disciplinas deportivas, «procurando o necesario equilibrio entre referentes das elites co necesario apoio á infancia no exercicio da actividade física a través dos clubes da cidade«.
Revisión do modelo de subvencións nominativas, «establecendo un plan de catro anos para mudalo a subvencións por concorrencia, máis xustas e equilibradas«.
Integrar os espazos deportivos no plan de obras para a súa mellora, adecuación e mantemento.
Seguir apostado pola plena igualdade entre mulleres e homes, «tanto no exercicio da actividade coma nos posibles premios por resultados.«
Creación dunha mesa sectorial de deportes, que emule o antigo Padroado, «que sirva de diagnose e solucións propositivas para o desenvolvemento do deporte en Ferrol«.
Punta Arnela como referente deportivo: «neste mandato activáronse as naves 1, 2 e 3 como centros de adestramento, pulamos por reforzalos e acondicionalos cunha mellora substancial que estabilice ese proxecto«.
Promoción do deporte como actividade saudable, creación de roteiros, parques biosaudables e ximnasios a ceo aberto con paneis informativos coordinados co servizo de cardioloxía do CHUF que indiquen as vantaxes da actividade deportiva e consellos para a súa práctica.
Cooperar con entidades sociosanitarias para a inclusión no deporte de todos os colectivos con diversidade funcional.
Potenciar as rutas de sendeirismo existentes e todas as actividades deportivas en espazos naturais, «cun mantemento adecuado a través da cuadrilla de obras da zona rural, e creación de novas infraestruturas sinxelas para o desenvolvemento de deportes urbanos«.
Establecer xornadas de deporte na rúa, «que achegue a toda a sociedade, con independencia da idade ou condición, os beneficios para a saúde da práctica deportiva«.
Potenciar A Cabana como centro de deportes náuticos, «cun forte investimento que lle dea perdurabilidade«.
Conveniar coa Autoridade Portuaria máis puntos de atraque, para combater a realidade de Ferrol, «punto negro europeo en servizos náuticos«.
Asesoramento xurídico-técnico permanente para as entidades, «dende a súa creación ata a presentación das xustificacións en materia de subvencións, así como regularización da cesión de espazos municipais xestionados por entidades a través dos correspondentes convenios públicos e por concorrencia«.
Facilitar o acceso e organización de torneos na cidade en colaboración entidades deportivas/Concello que fagan de A Malata un lugar de encontro para a xuventude ferrolá.