Ángel Mato comprométese a crear e recuperar espazos verdes públicos apostando polo parque do Montón

Ángel Mato no acto central de campaña | Adán Puentes

A creación e recuperación de espazos verdes de carácter público supón un dos eixos sobre os que Ángel Mato, candidato socialista á alcaldía de Ferrol, quere desenvolver a política urbanística e de rexeneración urbana. Así, ademais de considerar a árbore como “o mellor elemento ornamental” na humanización e urbanización de espazos públicos, o cabeza de lista do PSdeG-PSOE pretende, de acadar a confianza cidadá o 26M, crear e recuperar zonas verdes.

Para Mato, a recuperación e creación de espazos verdes de carácter público como “pulmóns da nosa cidade” ten unha importancia especial no deseño de Ferrol e, así, zonas como o Parque da Vía, a praza do Inferniño, o parque do Montón, o polígono de tiro de Catabais ou o parque Antón Varela de Canido constitúen espazos sobre os que os socialistas pretenden actuar para poñer en valor ditos espazos e dotalos de todo o necesario para que poidan ser disfrutados pola cidadanía. Precisamente o convenio de Defensa, unha vez máis, volta a ser fundamental neste obxectivo, xa que, como subliñou Ángel Mato, a súa sinatura suporá incrementar de forma notable o patrimonio natural e as zonas verdes ao longo de todo o municipio.

E a posta en valor e o coidado do inxente patrimonio natural que ten Ferrol forman parte tamén do programa de goberno socialista, a través do traballo coordinado das áreas municipais de Patrimonio, Medio Ambiente e Servizos, así como a aposta pola conservación e divulgación das especies arbóreas de Ferrol. Para fomentar o seu coñecemento e disfrute, Mato anunciou o deseño dunha ruta por estes xardíns e parques, cos escolares como destinatarios principais, instalando paneis informativos e didácticos que axuden ao coñecemento dos nosos bens naturais.

O parque do Montón, nomeadamente, constitúe un dos elementos sobre os que o equipo de Mato ten previsto actuar de forma preferente, dadas as potencialidades que ten este espazo como pulmón urbano da cidade, e nomedamente do barrio de Caranza, e dada a lamentable situación de abandono na que se atopa na actualidade despois de oito anos. O candidato socialista, que lembrou que o parque do Montón foi promovido durante o mandato de Vicente Irisarri, no que o propio Mato ostentaba a concellaría de Urbanismo, considera fundamental na política de recuperación de zonas verdes poñer en valor este espazo, e mesmo potencialo, instalando no mesmo a Aula de Ecoloxía de Urbana. Para o candidato socialista, o Montón é o lugar axeitado para acoller este equipamento, que ademais axudaría a dinamizar toda a contorna.

Lea también

La Policía Portuaria de Ferrol celebró este jueves la festividad de su Patrón, el Cristo de los Navegantes

La Policía Portuaria de Ferrol celebró en la mañana de este jueves la festividad de …