O benestar animal é un dos obxectivos que definen ás cidades saudables e sustentables. «Isto supón máis que un concurso escolar ou charlas divulgativas sobre a tenencia responsable de mascotas; boas iniciativas pero que non amañan os problemas que xorden da convivencia e que non garanten os dereitos das outras especies«. Dende o BNG de Ferrol «consideramos que Ferrol tamén pode ter oportunidades no desenvolvemento de políticas de benestar animal«.
Existen na actualidade dous marcos lexislativos para a regulación da protección e o benestar animal, unha lei autonómica e unha ordenanza municipal. A regulamentación autonómica «é basicamente un regulamento sancionador que non responde a unha verdadeira planificación da nosa convivencia con outras especies«. Por pór un exemplo, «exclúe da protección e benestar a todos os animais que participen en espectáculos taurinos«. Mentres, a ordenanza municipal «está sen desenvolver con políticas concretas, por exemplo no relativo ás colonias de gatos, ao refuxio mancomunado de Mougá ou á participación do movemento asociativo nestas políticas«.
Unha cidade saudable é tamén a que ordena estas relacións, «á que lle dedica recursos suficientes e ve tamén oportunidades para criar empregos e tecer redes de participación cidadá para a resolución dos problemas de convivencia que xorden«.
Dende o BNG afirman que «Ferrol non pode seguir dando as costas aos aspectos relacionados co benestar animal. É preciso desenvolver o marco legal e dotalo de recursos económicos, atendendo aos puntos máis quentes nestas políticas (o refuxio e coidado de mascotas en situación de abandono, o control e ordenación das colonias de gatos ou a irrupción de animais salvaxes en zona urbana)«.
A concellaría que asuma Benestar Animal «debe contar cunha partida orzamentaria específica e desenvolver un «Plan anual de actuación para o benestar animal e a convivencia cidadá». Desde esta concellaría débese constituír unha «Mesa de traballo e participación», onde estean representadas as asociacións que traballan neste ámbito e profesionais veterinarios que dun xeito altruísta están a colaborar con elas; impulsar o compromiso dos outros Concellos para ampliar e mellorar as instalacións de Mougá, asegurando os dereitos dos animais acollidos e canalizando unha liña de adopcións responsábeis«.
Ferrol ten que «habilitar espazos adecuados para a socialización canina, actualmente insuficientes; axilizar a inspección e trámite das denuncias por maltrato animal e os expedientes por molestias á veciñanza, derivados da tenencia de animais de compañía; aprobar un Protocolo de actuación ante un animal abandonado, ferido, enfermo ou morto, e un «Plan colonial felino» do Municipio que contemple a esterilización, a atención sanitaria, a resolución de conflitos e a creación da figura urbana colaboradora no seguimento destas colonias«.