Chegar ao Castelo de San Felipe e contemplar a bocana da Ría. Pararse na casa Romero de Ucha e fixarse en cada detalle das volutas. Rememorar a folga do aceite dos anos corenta. Imaxinar a vida dun ferreiro traballando para a Armada. Estremecerse sabendo que no muro do cemiterio foron asasinadas persoas por ser demócratas. Ferrol, o berce da loita obreira e de Pablo Iglesias, de Castelar e Concepción Arenal, de tantos persoeiros ilustres que enchen páxinas e páxinas dos libros de historia, ten un patrimonio de valor incalculable, afirman dende Ferrol en Común.
Ferrol é patrimono palpable, modernista, visualmente poderoso. «Pero hai un patrimonio inmaterial que, se ben non podemos tocar, si sentir e emocionarnos recordando a quen debemos tanto para ser unha cidade lóxica nun entorno máxico. A protección deste patrimonio, a súa posta en valor, a ansia por dalo a coñecer ao mundo, deben ser os eixos nos que articulemos unhas políticas patrimoniais, históricas e turísticas, que non afeen o noso pasado, e poidamos mostrarnos fachendosos de dicir que somos porque outros foron antes, xente de Ferrol que fixo de nós un pobo orgulloso de si mesmo«.
Na mañá do martes, o candidato a reelección na alcaldía por Ferrol en Común, Jorge Suárez, comentaba un novo aspecto do seu programa electoral, en relación ao coidado do patrimonio, facendo chegar as seguintes propostas:
Protección e defensa do patrimonio histórico do concello, «como o Castro de Esmelle ou o conxunto de mámoas de Brión«.
Articular unha defensa regulada de espazos singulares, «tal e como fixemos coa catalogación dos Montes do Cha como montes comunais para a súa defensa polos veciños e veciñas con conciencia medioambiental«.
Inventariar e catalogar os bens patrimoniais do termo municipal, «e darlles unha protección adecuada ao seu valor«.
Reforzar o servizo de arqueoloxía do Concello de Ferrol, «co fin de colaborar na detección e adecuada preservación dos depósitos arqueolóxicos«.
Rehabilitación integral do Castelo de San Felipe, «cos fondos acadados coa cooperación coa deputación e o 1,5% do IVE cultural, rehabilitación acompasada cun plan de usos que faga do castelo bandeira de cidade, a través de obradoiros de cantería, centro de interpretación histórica, roteiros da súa historia«.
Poñer en valor as diferentes rutas urbanas, «municipalizándoas, a ruta da construción naval, do modernismo e outras, como fonte de conservación do patrimonio inmaterial, asemade, rutas rurais pola costa, entre baterías e faros, sendo respectuosos coa flora e fauna autóctona«.
Mesa da memoria. «A tradición oral acaba diluíndo a historia e cada xeración que pasa perde parte do pasado. Documentalo é case unha obriga dunha sociedade moderna. Propoñemos a creación desta mesa interxeneracional para o coñecemento do modo de vida dos nosos maiores, como transmisión dun patrimonio fundamental, o modus vivendi.«
TURISMO
A costa Ártabra é un punto de referencia do turismo familiar e desestacionalizado, o que os expertos no sector veñen en denominar turismo slow. O crecemento constante dos peregrinos que toman o Camiño Inglés, a sede de Ferrol como parte do campionato Siroko de surf, o incremento exponencial de turistas que pasan polas nosas oficinas… fan de Ferrol e comarca un lugar potencial de crecemento turístico.
Ferrol en Común aposta por un turismo sostible, complemento necesario ao principal motor socioeconómico, o sector industrial, nomeadamente o sector naval público, «e por iso impulsará todas aquelas iniciativas que permitan un crecemento constante e ordenado do turismo, sen consentir agresións ou especulacións urbanísticas que nos convertan nunha réplica de certas vilas das Rías Baixas, pero si un turismo familiar e constante ao longo do ano, vinculado a actividades na natureza e o desfrute da nosa gastronomía e tradicións, para conseguir o obxectivo final: crear postos de traballo estables e dignos nese sector que estimulen a economía local e, en consecuencia, o crecemento demográfico, clave imprescindible para a recuperación da cidade«.
Ferrol Vello porta do Camiño Inglés. «Seguir a traballar na recuperación integral deste barrio histórico da nosa cidade que é porta de entrada dos peregrinos que inician o Camiño Inglés«.
Potenciar a Oficina do Peregrino e avanzar nas xestións coas diferentes administracións para converter o Edificio de Aduanas nun albergue de peregrinos, «o cal non só melloraría a faciana do peirao de Curuxeiras, senón que sería unha fonte de ingresos e de dinamización do comercio e da hostalaría do barrio de Ferrol Vello«.
Seguir impulsando o turismo “slow travel”, «Ferrol como destino de tranquilidade e de contraposición ao turismo de masas. Poñer en valor as cualidades paisaxísticas, gastronómicas e culturais«.
Vinculada a isto a creación dunha marca de calidade de produtos artesáns e de consumo vencellados co Camiño Inglés.
Potenciar e controlar o turismo de acampada e caravanas, «para o seu estacionamento en zonas habilitadas que reúnan as condicións ambientais e hixiénicas«.
Mellora do estacionamento de caravanas da Malata en canto aos servizos, «así como a habilitación doutras zonas que posibiliten o estacionamento destes vehículos«.
Seguir apostando por “Ferrol Activo” como destino de aventura, de natureza e sostible. «As posibilidades que ofrece a cidade polo seu entorno natural tanto para a práctica deportivas naúticas, como no impulso de rutas de sendeirismo e BTT. Mellora da sinalización destas rutas«.
Potenciar as diferentes rutas urbanas -modernismo, Ferrol en feminino, «Rutas da Meninas, da Ilustración,- así como as rutas dos castelos ou dos faros na zona rural«.
Turismo inclusivo. «Desenvolvemento dun plan específico para promover o turismo inclusivo, cun plan de mellora da accesibilidade de destinos turísticos do Concello, difusión de lugares e locais que cumpran a normativa de accesibilidade nos portais de difusión turística do Concello (con información precisa sobre accesibilidade), creación de guías turísticas destinadas a persoas con discapacidade ou con mobilidade reducida.»
¡Vete! ¡ Me has hecho daño ! ¡ VETE ! ¡Lejos de aquí !
No has hecho nada ¡ Vete ! A contar trolas a Madrid!