Adicado ao noso amigo Antón.
Vai xa uns cantos días, e grazas a unha desas reposicións que de cando en cando fanse na televisión, foi que tiven a ocasión de reencontrarme coa obra do director italiano Giuseppe Tornatore. Concretamente con aquela xenial peza chamada Cinema Paradiso.
Da man do protagonista, Salvatore Di Vita (Totó), e sempre acompañados polos acordes do maxistral Ennio Morricone, voltamos á Sicília da posguerra para seguir ao Totó nunha regresión a súa xuventude. Así pois, ao longo desta longametraxe seremos testigos da súa infancía, daquel primeiro amor que marca a súa transición cara a madurez, pero, especialmente, da fonda relación de amizade que se entretexe entre o galopín e o vello operario de cine do seu pobo. Esta amizade será o catalizador da vocación cinematográfica de Totó, e tomará como escenario o cine da vila, o Paradiso. Desta forma, o Cinema Paradiso ocupa unha posición central no filme, pero non coma un simple decorado, senón como o espazo no que se articulan as relacións sociais, e as experiencias persoais dos veciños. E así, as paredes do recinto transcenden da súa funcionalidade para converterse no cáliz que conteña a memoria e identidade dun pobo.
Se ben, que poderá ensinarnos este cadro costumista, con aires da sua Sicilia natal?
“Las obras de arte vuelan como pájaros por encima de las fronteras[…] Ahora bien […] por extenso que sea su imperio jamás pierde el aroma de la tierra y el momento en que fue creado”
Cinema Paradiso é sen dúbida unha desas creacións chamadas a transcender fronteiras, e que, sen chegar a perder a súa esencia mediterránea, é capaz de conmover e estimular as nosas mentes . Na figura do Cinema Paradiso poderemos ver reflictidos, se por acaso ollásemos con atención, aos Zárate, Adriano, Callao, e aínda outros moitos máis. Algún deles foron grandes proxectos, dun importante valor arquitectónico e artístico, mentres ca outros, cun maior ou menor valor artístico, foron pequenas salas, e mesmo espazos multiusos. Pero todos eles, dende o espazo de proxección máis humilde ata a máis elegante das salas de cine, teñen unha importante significación para as persoas e xeracións que, alén das súas portas, choraron, reíron, en definitiva, que sentiron.
Os cines son parte da nosa memoria, do noso patrimonio. Polo que, nos avatares do propio Cinema Paradiso non podemos deixar de ver a historia dos nosos vellos cines. A súa sorte, tralo peche definitivo das súas portas, foi dispar. Algúns de eles xa fai tempo que desapareceron, pois caeron vítimas da expansión urbanística, outros foron adaptados para novos usos. Se ben, unha morea deles, entre os que se contan algúns exemplos relevantes, esperan as rehabilitacións que lles insuflen unha nova vida. Neste punto, e unha vez máis, hai que destacar o labor do tecido asociativo que (como Patio de Butacas ou APATRIGAL) promove e protexe estes béns, tan frecuentemente ignorados.