O BNG chama a atención sobre as consecuencias de manter o convenio con Defensa

O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol quere chamar a atención, unha vez máis, sobre as consecuencias que ten para a cidade manter vixente o convenio co Ministerio de Defensa. Neste caso, tras o escrito enviado ao Concello por parte do citado Ministerio, desentendéndose das súas obrigas de limpeza e conservación do denominado polígono de tiro de Catabois co obxecto de axustarse e cumprir co estabelecido nas novas normativas en materia de prevención e defensa dos incendios forestais. Medidas que o Ministerio de Defensa non ten pensado adoptar indicándolle ao Concello que en virtude do mencionado convenio sexa el que acometa estes traballos.

Para o BNG resulta «ridículo ver ao actual goberno local, que sabe que non pode dar continuidade ao convenio asinado por Rey Varela por ilegal tal e como recolle o interventor no seu informe, manter esta situación de indefinición no tempo«. Sobre todo polas «graves consecuencias de tipo urbanistico e económico que ten para esta cidade non denunciar ese convenio e liberar á cidade dunha vez da obriga de ter que conservar e manter espazos en ruína e cada vez máis deteriorados produto da falla de uso e deixación por parte do Mº de Defensa«.

A situación derivada deste convenio é «tan singular que o Ministerio de Defensa propietario destas instalacións non ten ningunha obriga de limpeza nen mantemento destas propiedades e o Concello que non ten ningunha competencia sobre estes terreos ten adquiridas unhas responsabilidades de conservación que non exerce pero que tampouco quere esixir ao titular dos terreos que é o Ministerio de Defensa, como esixe ao resto de propietarrios da cidade«.

Para o BNG é fundamental «que mudemos a perspectiva e os obxectivos que ten este Concello para co convenio co Ministerio de Defensa. Cumpre, por tanto, que o goberno local abandone a ambigüidade e a indefinición na que se moveu todos estes anos e que so están a provocar a dilación no tempo dunha situación que é insostible para esta cidade e que no canto de enfrentala se quere mirar para outro lado«.

O BNG considera que en lugar de insistir en modificar o convenio, «como fixo o PP, e basándonos no informe de intervención existente debemos anular o mesmo«. Se o goberno realmente quixese anular este convenio «teríao fácil, ten a causa explícita na carencia de informe de fiscalización do convenio aprobado no ano 2015 e o fundamental de que esta nulidade se puidera acometer son as consecuencias que este convenio esta a ter para este Concello e que teñen que ver con que o Concello de Ferrol asuma os tributos que debe pagar outra administración que neste caso é o Estado, que o Concello asuma a conservación mantemento dunhas instalacións que non son da súa propiedade, que sigamos a facer abonos económicos como o que se fixo de maneira irregular no ano 2015 por propiedades en ruinas e que se siga a desenvolver un modelo urbanístico baseado na especulación, que ademais é anacrónico, e que ademais propón desenvolver 460 novas vivendas e un centro comercial nunha cidade que ten o 20% das súas vivendas baleiras«.

Lea también

Ferrol en Común realiza máis de dez achegas ao Plan Estratéxico de Cultura

Ferrol en Común ven de presentar máis de 10 achegas ao Plan Estratéxico de Cultura, …