Camilo Díaz Baliño. Unha notable exposición na biblioteca municipal de Ferrol

 

Juan J. Burgoa

A Biblioteca de Galicia celebrou o pasado 10 de xaneiro en Santiago o Día da Ilustración, presentando unha exposición dedicada ao ferrolán Camilo Díaz Baliño, ilustrador, pintor, escenógrafo e pioneiro do deseño artístico, encadrado dentro do nacionalismo galego. Esta exposición, que leva o título de “Camilo Díaz Baliño; a xenialidade truncada”, pódese ver desde o pasado mes de maio e ata o próximo mes de Setembro na Biblioteca Municipal de Ferrol.

Trátase dunha mostra bibliográfica formada por 54 pezas, libros, debuxos, fotografías e manuscritos, gardados na Biblioteca de Galicia, onde se atopa o arquivo persoal de Díaz Baliño. A exposición estrutúrase arredor de seis vitrinas que amosan a biografía do artista, o seu traballo como escenógrafo na Coral de Ruada e na empresa Fraga de Santiago, a súa obra como ilustrador de libros e publicacións periódicas, o seu traballo como asesor artístico do concello de Santiago, o estudo da súa pintura simbólica e a súa pertenza ás Irmandades da Fala.

A exposición fai un percorrido pola traxectoria vital e profesional de Camilo Díaz Baliño, salientando as súas facetas de escenógrafo, pintor e ilustrador de libros e publicacións periódicas. Nacido en Ferrol o 14 de xullo de 1889, Díaz Baliño foi nomeado o ano 1920 director artístico da empresa de teatro de Isaac Fraga, elaborando os seus carteis e realizando a escenografía, montando un taller artístico na rúa Hortas de Santiago. O ano 1927 foi nomeado funcionario do Concello de Santiago, sendo designado director artístico do Concello e asesor do alcalde da cidade.

Desde o punto de vista artístico, Camilo Díaz Baliño pertenceu ao grupo de artistas galegos influenciados polo Art Nouveau. Como artista gráfico Díaz Baliño ilustrou as portadas de varias obras das coleccións Lare e Céltiga, de revistas como Vida Gallega de Vigo e de periódicos como A Nosa Terra, onde publicou varios relatos e poemas en lingua galega. Igualmente deseñou as portadas e ilustrou diversas publicacións galegas editadas en América

No aspecto social e político a postura de Díaz Baliño variou co paso do tempo. Comezou defendendo ideas tradicionais, colaborando con asociacións de carácter confesional. O ano 1918 incorporouse ás Irmandades da Fala, deseñando a súa bandeira. Coa chegada da Segunda República, Díaz Baliño evolucionou cara a posicións de esquerda, identificándose co sector máis radical do Partido Galeguista, tomando partido a prol do Frente Popular e adoptando unha postura favorable ao Estatuto de Autonomía de Galicia.

Ao comezo da Guerra Civil, Camilo Díaz Baliño foi detido e levado a prisión en Santiago de Compostela, onde debuxou os retratos dos seus compañeiros na cárcere. O día 14 de agosto de 1936 apareceu asasinado nun foxo de Meixide, no Concello de Palas de Rei. O seu fillo, Isaac Díaz Pardo, nacido o ano 1920 en Santiago, foi un referente na cultura galega contemporánea.

En resumo, a exposición constitúe unha notable mostra da evolución da ilustración en Galicia. No que atinxe ao escaso e pouco coñecido traballo de Camilo Díaz Baliño na súa cidade natal, cumpre lembrar que o ano 1926 o artista ferrolán foi o autor do deseño das vidreiras da ábsida e do coro que aínda se poden ver hoxe na igrexa neogótica da Virxe da Mercé en Ferrol.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …