O Concello de Narón destinará 3,61 millóns de euros dos 5,09 dun modificado de crédito a investimentos

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e o concelleiro de Xestión Orzamentaria, Pablo Villamar, valoraron na mañá deste venres a próxima aprobación plenaria, o vindeiro xoves, día 26, dun modificado de crédito por importe de 5.098.605 euros. O documento analizouse este venres na Comisión de Informativa de Contratación, Persoal e Especial de Contas e chegará ao pleno con ditame favorable. Dos 5.098.605 euros, un total de 3.614.864 destinaranse a investimento sostible; 193.793 euros ao pago de facturas e 1.289.948 euros a amortización de débeda, tal e como indicou a alcaldesa, Marián Ferreiro.

“Con cargo a este modificado de crédito o goberno local de Narón disporá para investimentos dunha partida total, tendo en conta a reservada no orzamento municipal, de preto de 6,5 millóns de euros”, destacou a alcaldesa. Ferreiro subliñou que “atendendo ás intervencións que consideramos prioritarias para as nosas veciñas e veciños, o saneamento, a accesibilidade e humanización de viais e a eficiencia enerxética centrarán as actuacións programadas con cargo a esta nova partida de 3,6 millóns do modificado para investimento sostible, que se suma aos 2,8 do orzamento de 2018”.

O concelleiro de Xestión Orzamentaria explicou que “deses 3,6 millóns do modificado de crédito, preto de 1,5 millóns de euros son para ampliar a rede de saneamento na zona rural”. Entre as intervencións recollidas con cargo a esta nova partida están as programadas en Villallonte (Sedes), na Pedra e no Faxín (Pedroso); na Calliqueira (San Mateo), e en Baltar e na Pedreira (O Val).

En canto á accesibilidade, humanización e reparación de viais, a partida de investimentos suporá un desembolso de 1,2 millóns de euros, con cargo á que se continuará coas tarefas de adecentamento de beirarrúas e se habilitará o estacionamento disuasorio da Solaina, se amañarán varios camiños da zona rural e tamén a capa de rodadura de viais do núcleo urbán –A Gándara, Bispo Argaya, Grove, Hortiña, e outras en Piñeiros, Xuvia-. Contémplase tamén a execución de traballos para mellorar a accesibilidade nos viais perpendiculares á estrada da Gándara e en instalacións como o pavillón Campo da Serra, o Centro Comunitario Integrado Manuela Pérez Sequeiros e o Pavillón polideportivo da Gándara.

Outra das áreas sobre as que se priorizaron investimentos con cargo a este modificado é a de eficiencia enerxética, cunha partida global de 274.000 euros para instalación de leds tanto na zona urbana como na rural: Chismadoiras, Praza do Ponto, Finca Dopico, Camiño do Lodairo, Pedregal, Peregrino, no centro de maiores das Vivendas da Marina e no pavillón polideportivo de Piñeiros.

A parques e xardíns destinaranse 227.580 euros do modificado, concretamente ás actuacións previstas nos localizados en San Mateo, Sedes e Piñeiros e o da rúa Santa Tecla e, a maiores con intervencións concretas e tamén con partidas globais para a instalación de chans de caucho e a renovación de balados.

Na área de Deportes programáronse, con cargo a uns 153.000 euros, tarefas de acondicionamento na pista do colexio da Gándara, na de atletismo e nos vestiarios de Río Seco, na piscina da Gándara, nos vestiarios do campo de fútbol do Val, e o subministro de rociadores no campo de fútbol do Cadaval, entre outras.

Finalmente, tamén se contemplan partidas para a instalación de wifi no Pazo da Cultura -28.435-, melloras na área de Novas Tecnoloxías -120.395-, nas fiestras e aseos da Feira do Trece -7.500-, o acondicionamento do local social de Sedes -96.800-, e a sinalización das rutas de Pena Molexa -29.632- e dos Muíños 34.223-.

A débeda bancaria queda a cero

En canto á débeda bancaria, Pablo Villamar destacou o feito de que “quedará a cero no Concello de Narón”. O edil de Xestión Orzamentaria recordou que no ano 2011 esa débeda ascendía a case once millóns de euros.

Así mesmo, incidiu no feito de que “en tempos de crise fomos capaces de facer políticas diferentes, atender a débeda pero tamén dar continuidade aos traballos de saneamento, facer obras de eficiencia enerxética, avanzar na humanización do concello… pero sempre mantendo a prioridade nas persoas, incrementando as bonificacións sociais, destinando máis partidas a Servizos Sociais, sen casos de desafiuzamentos no Concello”. Por último, Villamar valorou “esa prioridade que sempre demos desde o goberno local ás persoas, fuxindo das políticas de recortes que se practican desde outros partidos”.

Finalmente, Ferreiro asegurou que “o feito de dispoñer dunhas contas saneadas e de importantes partidas para investimentos permitiranos realizar importantes actuacións tanto na zona urbana como na rural, incrementando e mellorando servizos e infraestruturas para a veciñanza de Narón”.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …