Os maios de Canido, unha rechamante tradición conservada

Os ritos e cerimonias das festas do mes de Maio, os xenericamente coñecidos en Galicia como Maios, son os residuos que quedaron de antigos cultos de orixe agraria e propiciatoria, conservados con maior ou menor intensidade pola maior parte das comunidades agrícolas europeas. Aínda que os modos de celebración son variables segundo os diferentes lugares e culturas, teñen en común o feito de festexar o fin do período invernal e o comezo do bo tempo coa floración e maduración vexetal.

Moitos dos costumes e manifestacións populares conectadas con estes ritos profanos das festas primaverais, caso do acendido de luminarias nos campos sementados, a colocación de ramos nas vivendas ou os percorridos polas rúas entoando cancións e pedindo diñeiro ou especies, foron condenadas de xeito patente e repetida pola Igrexa desde os primeiros séculos da era cristiá.

Isto non foi impedimento para que a propia Igrexa, co sincretismo e oportunidade que caracterizan a súa permanencia a través dos séculos, foise adaptando e integrando dentro dos seus ritos relixiosos varias deses antigos costumes, convertendo así Maio no Mes das Flores e adoptando como propia a festividade da Invención ou Exaltación da Santa Cruz, festa que pasou do inicial 1 de Maio á data actual do 3 do mesmo mes.

No que atinxe aos propios Maios cumpre salientar os Maios humanos ou viventes, as Maias (versión feminina), os altares de Maio, os Ramos de Maio, colocados adobiando portas e ventás, os Maios figurativos, os Arbres de Maio, mesmo os Maios que se colocan adornando fontes e cruceiros, variantes todas elas que veñen acompañadas de coplas e cancións, nas que a xente moza critica ás institucións e satiriza ás persoas.

Canido, o barrio alto de Ferrol, formouse dun xeito paseniño desde tempos medievais, tendo unha orientación especialmente agrícola e labrega, con vivendas cercadas de leiras e hortas, moitas delas dedicadas ao cultivo da vide e os cereais. Todo iso explica que un barrio practicamente urbano de Ferrol aínda hoxe conserve uns ritos e costumes propios do mundo rural.

Por mor diso, tanto a vertente relixiosa das festividades de Maio, manifestada na procesión e Festa da Santa Cruz, como a celebración profana de Os Maios, co mantido costume de adobiar con plantas e flores o secular cruceiro da Praza de Canido ou de levantar pequenos altares e figuras vexetais nas rúas do barrio, tiveron lugar durante estes días como mostra da persistencia das vellas tradicións dos seus veciños.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …