O Auditorio de Ferrol acollerá o domingo 29 de abril, as 18:30 unha gran gala na que se implican todas as escolas, estudios e centros de danza da cidade para festexar, como merece, o Día Internacional da Danza.
O concelleiro de Cultura, Suso Basterrechea, daba hoxe a coñecer os detalles dos actos organizados desde o Concello de Ferrol co gallo desta data sinalada para as unha das grandes artes nunha rolda de prensa nas dependencias municipais na que estivo acompañado polo representantes das escolas i estudios que se suman a esta iniciativa.
Neste Día da Danza 2018 en Ferrol, participarán 8 centros da cidade, desde a unidade de acción para sumar forzas i esforzos a prol da danza e para o desfrute colectivo.
“Cómpre destacar que Ferrol é, con diferencia, a cidade de Galicia que conta cun maior número de escolas e centros para nenos e nenas que se adican a danza, cun entramado do que forman unhas 700 persoas, e que nos permite gozar dunha canteira moi importante para esta actividade fundamental no campo cultura do noso municipio”, salientaba hoxe o concelleiro.
“Nos últimos anos vimos facendo unha actividade, para nós moi querida, na que se implican e participan as distintas escolas nunha acción colectiva e que será o acto central do día Internacional da Danza e que centramos no domingo 29 de abril”, manifestou Basterrechea.
A maiores, e para ir quencendo motores, o Concello ten previsto adicar un domingo ao cine de danza no Teatro Jofre cunha dobre sesión, a primeira cunha proxección ‘Ballerina’, enfocada a xente miúda e unha segunda, ‘El último bailarín de Mao’, mais pensada para o público adulto.
Todo é, por suposto, de balde e unicamente cómpre retirar antes os convites na billeteira do teatro Jofre no horario habitual e nas datas que vos indicamos.
Por último, o concelleiro avanzaba hoxe que no mes de outubro retomaranse as accións coa danza como protagonista na cidade cunhas masterclass que se darán a coñecer no vindeiro outono para que, dun xeito aberto, todos poidan participar desta arte nas rúas e que, por motivos administrativos non se puido levar a cabo co gallo desta data.
“Expresar o agradecemento do Concello polo traballo feito desde a base, e as facilidades para o espectáculo do día 29 de abril. De seguro, será unha gala variada, fermosa e participada por todas as escolas de Ferrol”, rematou.