A vergoñenta e rechamante carencia dunha revista de estudos locais en Ferrol

Nas primeiras décadas do século XX, ao contrario do que hoxe ocorre en Ferrol, eran abundosas e de grande interese as diferentes publicacións, tanto en castelán como en galego, de carácter cultural, artístico e histórico que se editaban nesta cidade. Nas diferentes revistas e anuarios daquela época escribían recoñecidos autores, tanto de Ferrol como doutros lugares de Galicia, casos de Díaz de Robles, Rodrigo Sanz, Andrés Comerma, Justo Gayoso, Alberto Camino, Santiago de la Iglesia, Leandro de Saralegui, Federico Maciñeira, Manuel Comellas, Nicolás Fort, Emiliano Balás, Xaime Quintanilla, Cabo Pastor e Wenceslao Veiga, entre moitos outros.

Pola contra, ben entrado xa o século XXI, non existe hoxe en día unha auténtica revista de estudos locais en Ferrol, a pesares da tradición ilustrada da urbe, das numerosas asociacións culturais desta cidade, a secular presenza da Armada e a existencia da Universidade fai máis de vinte e cinco anos; en resumo, un feito negativo ao que se debe engadir a insólita carencia dun Museo da Cidade e dun Centro de Estudos Locais, que xunto coa devandita Revista, deberían constituír os eixos e os instrumentos operativos dunha auténtica política cultural do Concello.

A sociedade actual amosa cada vez máis interese en coñecer a historia de seu, recuperando deste xeito a súa memoria cultural, e pescudando no pasado as súas sinais de identidade. Este feito reflíctese na presenza de acreditadas publicacións de historia local en lugares próximos a nos, caso da Revista de Neda, Cátedra de Pontedeume, Hume Historia de As Pontes, Anuario Brigantino de Betanzos, Abrente (Academia de Bellas Artes) e Nalgures (Estudios Históricos), ambas de A Coruña, Estudios Mindonienses de Mondoñedo, Compostellanum (Estudios Jacobeos) e Cuadernos de Estudios Gallegos, as dúas de Santiago, entre outras revistas que abren as súas páxinas a variados temas da cultura e a historia local.

Neste contexto cumpre salientar que a revista FerrolAnálisis, unha publicación de esmerada estética que publica o Club de Prensa de Ferrol, tras levar varios anos dedicada a tratar de asuntos alleos á cidade, no seu último número incorpora diversos temas que atinxen de xeito directo á Cidade Ensimesmada onde se edita. Esperemos que os próximos números de FerrolAnálisis abunden nesta liña de traballo.

No que atinxe ás asociacións culturais da cidade e falando das máis importantes, neste intre semella que están a pasar un período de sequidade editora. Fai anos que o Ateneo Ferrolán deixou de publicar a súa revista Atenea e os seus notables Cadernos anuais; o Real Coro Toxos e Froles segue a súa anódina andaina e non continuou coa iniciada tarefa de publicar a histórica revista Labor Galega. Desaparecidas as activas asociacións Liceo Rubia Barcia e Valle Inclán , polo menos, a Sociedad Artística Ferrolana (S.A.F.) publica, cecais de xeito intermitente e con menor frecuencia da debida, dúas revistas de certo interese, Arte Galicia e Poesía Galicia.

Por outra banda, xa fai tempo que as publicacións da Semana Santa deixaron de ser aquelas prestixiosas revistas de estudos que incluían temas de interese da historia ferrolá. A revista Arimathea fai anos que se deixou de publicar, mentres que outras como Ecce Homo se converteron en revistas oficialistas, que serven como procesionarios de luxo aos prebostes das confrarías. Desapareceron tamén a publicación Aulas no Camiño, deixando orfa á Universidade, e a promisoria revista Papeis Ártabros, mentres que fai tempo que non temos novas da revista Columba. Outra rechamante carencia na cidade é a dunha boa revista de ocio e cultura, que informe de xeito periódico aos cidadáns das actividades culturais que estea previsto levar a cabo en Ferrolterra.

Neste ermo cultural, que inclúe o esvaecemento do Concellería ferrolán de Cultura, o nulo apoio neste eido da Deputación Provincial, as erráticas andainas da Exponav, o despiste do Casino Ferrolano e a triste desaparición da galería Sargadelos, un referente cultural da cidade, soamente a Biblioteca Municipal fai de cando en vez algunha exposición bibliográfica de interese, como foi o caso da dedicada o pasado ano á presenza das Irmandades da Fala en Ferrol. Ademais de amosar os traballos dunha serie de relevantes autores de todos coñecidos, desde Aurelio Ribalta a Carballo Calero, a exposición lembrou a obra de escritores practicamente esquecidos na nosa urbe, caso de Manuel Fernández Barreiro, Ricardo Carballal e Hixinio Ameixeiras. A exposición mostrou tamén a historia da colección Céltiga, fundada en Ferrol o ano 1921 e considerada como o primeiro proxecto editorial en galego.

Lea también

Ares inaugura o tradicional Belén da Sociedade Cultural O Tilo

Este sábado pasado, Ares acolleu a inauguración oficial do Belén da Sociedade Cultural O Tilo, …