San Sadurniño adxudica en 118.600 euros o proxecto de reparación e mantemento de 27 pistas

Amaño das pistas – Concello de San Sadurniño

O Concello de San Sadurniño amañará un total de 27 pistas e camiños de titulariedade municipal a través dun contrato de obras que se acaba de adxudicar por importe de 118.689,53 euros. Nuns casos -dependendo das necesidades- faranse asfaltados completos e noutros tratamentos superficiais e rebacheos dos puntos máis danados. Estes traballos seguramente arranquen na primavera aproveitando a chegada do bo tempo. En vez de incluílos en programas doutras administracións, o Concello asumirá o seu custe con parte do superávit de 2016. Porén, cómpre lembrar que estas non serán as únicas actuacións de mellora da rede viaria que se executarán de forma inminente, senón que tamén están en marcha as licitacións doutros tres paquetes por un valor global de 159.000 euros sufragados con achegas provinciais e, en escasos días, tamén se iniciará o procedemento contratación do Plan de mellora de camiños da AGADER por importe de 77.000 euros. En total agárdase que de cara ao remate do inverno poidan poñerse en marcha obras de mellora da rede viaria valoradas en máis de 350.000 euros.

Para o contrato do programa de mantemento da rede viaria municipal recibíronse 8 ofertas doutras tantas empresas que o Concello resolveu mediante un procedemento negociado. A adxudicataria foi José No Mantiñán e Hijos Construcciones S.A. comprometéndose a executar os traballos por 118.689,53€ nun prazo de catro meses.

O proxecto técnico recolle un total de 27 camiños e pistas municipais nas que, dependendo dos problemas que presentan, se levarán a cabo reposicións completas do firme ou ben reparacións en puntos concretos. O mapa das actuacións que se levarán a cabo atende á análise xeral da rede viaria efectuada pola área de Servizos e Urbanismo, pero tamén ás peticións achegadas pola veciñanza a través das xuntanzas do orzamento participativo.

Así,en Bardaos amañarase a pista ntre A Torre e Gudín. En Santa Mariña do Monte repararanse o camiño do Colado, a pista entre A Esperanza e A Pereira, a vía que vai das Calvelas a Vilachá e a que une As Calvelas e A Lobeira pasando por Corripa, ademais do camiño que leva á capela da Esperanza.

En Naraío arranxarase a pista que baixa da Fontela até pasar a ponte de Pereiras, daráselle un repaso ás da Ferraría, A Barcia, os Foxos e a Vila e tamén se amañarán as voltas da estrada que discorre pola fraga entre O Furado e a Fraguela. No cordal do Monte repararase a pista da Abelleira -o tramo entre as vivendas-, prepararase a do Lugar do Monte e, preto desta, tamén a que vai de Quintiá ao cruzamento da Grúa.

En Igrexafeita as obras abranguerán a pista de Remicieiro, a do Vilar, a da Fraguela e un pequeno tramo na Penadameda. Por outra banda, en Ferreira, acondicionarase a pista que vai de Lapas de Arriba a Santiso e a que vai desde este último lugar até As Filgueiras. Nesta parroquia tamén está previsto amañar a estrada que vai desde o Pico ata o límite con Moeche.

No caso de Lamas hai definidas tres actuacións: o amaño de dous tramos de pista no Cal de Abaixo e no Cal de Arriba e, ademais, o adecentamento do acceso ao local social do Camiño Arriba. Por último, en San Sadurniñorepasarase a pista da Fonte do Gando e o camiño da Penela.

A adxudicación deste contrato coincide cos últimos días para presentar ofertas para outros tres paquetes relacionados coa mellora tanto do estado como da seguridade na rede viaria municipal. O importe global das tres licitacións ascende a 159.082 euros cos que o Concello levará adiante a primeira fase da reurbanización da avenida Marqués de Figueroa, a construción dunha senda peonil no Camiño Grande, en Igrexafeita, e a reparación dun camiño en Silvalonga e outro entre A Fraga e Os Pontigos, en Ferreira. As obras fináncianse con cargo ao POS Adicional 2017 e cunha pequena achega municipal.

A estes contratos sumaráselle en breve a licitación dos proxectos de pavimentación entre Vilanova e O Vilar, en Lamas, e entre a Penamoura e A Fontela, en Naraío, orzamentados en máis de 77.000 euros sufragados co plan de mellora de camiños da AGADER, de xeito que a comezos da primavera se contan ter en marcha obras viarias por un valor superior aos 350.000 euros.

Lea también

O CIRS de Cervás, Ares, celebra actos do Centenario

O CIRS (Centro Instrutivo, Recreativo e Social) de Cervás disponse a celebrar unha intensa programación …