O Concello de Cabanas iniciou esta semana os traballos de renovación das lámpadas e instalacións do alumeado público na Travesía de Teloi, Camiño de Fonfría e Camiño de San Xiao, na parroquia de Laraxe. Tarefas nas que a Administración local está a investir algo máis de 12.400 euros.
O Concello viuse obrigado á contratación dos traballos a raíz dos danos rexistrados nas instalacións municipais durante os últimos temporais. En concreto, un raio alcanzou a zona, danando a rede e deixando sen luz os puntos sobre os que agora se traballa. Tras os feitos, o Concello executou unha solución temporal para que estes lugares non quedasen totalmente a escuras e non perxudicar ós veciños e veciñas, aínda que estes traballos non permitiron alcanzar a intensidade lumínica desexable.
Agora, o Concello está a realizar a intervención necesaria, co conseguinte desembolso económico e, nesta liña, confía en que os traballos estén rematados a próxima semana.