A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, asistiron na tarde deste luns, ás 19.30 horas, á inauguración da exposición “Airiños Aires, Rosalía”, xunto co autor das imaxes desta mostra, o fotoxornalista Xurxo Lobato. A exposición, na que colabora a Casa de Rosalía, consta dun total de cincuenta e cinco imaxes de gran formato, coas que se realiza un percorrido pola vida e obra da poetisa galega Rosalía de Castro. As persoas interesadas en ver esta mostra poderán facelo ata o 5 de marzo no Pazo da Cultura –de luns a venres de 10.00 a 14.00 e de 17.00 a 21.00 horas-.
Ferreiro destacou o traballo realizado por Lobato, que permite, subliñou, “realizar un percorrido a través das fotografías, pola vida e obra da poetisa e novelista compostelá Rosalía de Castro”. A rexedora local recordou que o ano pasado tamén se presentou na cidade, concretamente no Pazo da Cultura, o libro “Airiños Aires, Rosalía”, con motivo da celebración dos actos do Día de Rosalía. E precisamente da poetisa galega Ferreiro recalcou que “hoxe é unha figura universal, e constituíu todo un exemplo e referencia na súa época, por superar as trabas que supoñía o feito de escribir en galego no século XIX”. Ademais, subliñou que foi precisamente a valentía de Rosalía de Castro a que “contribuíu a manter viva no tempo a lingua galega, reivindicando o seu espazo e dotándoa dun prestixio do que carecía na época”.
Así mesmo, a concelleira de Cultura, María del Carmen Espada, convidou á veciñanza “a realizar un percorrido a través das imaxes por aqueles lugares e momentos que Rosalía viviu, que Rosalía habitou e que en gran medida foron o xerme que deu lugar á extraordinaria obra que constitúe o seu legado”. A edil naronesa destacou ao respecto que “esa obra é a que fai de Rosalía de Castro un referente intelectual e reivindicativo”.
Pola súa parte, o autor da obra, Xurxo Lobato, explicou que esta exposición é “a miña humilde homenaxe a Rosalía de Castro, a quen considero escritora de referencia tanto na literatura galega como na española. Foi unha muller que non quixo restrinxirse ó ámbito doméstico. Escapou do rol tradicionalmente atribuído á muller e asumiu protagonismo como escritora nun tempo no que iso era navegar contra o vento e a marea. Relendo agora a Rosalía ollei unha intelectual, una feminista, unha galeguista, unha muller con gran conciencia social e política. Unha muller que sente o seu país, e que o sente con dor: a emigración, a inxustiza, a incomprensión de Castela… e unha muller que tamén ama a natureza”.
O fotógrafo subliñou ademais que “nestes tempos cómpre reivindicar a Rosalía como poeta e escritora, como pioneira na defensa das mulleres e como símbolo de galeguidade” e sinalou que as imaxes desta mostra “queren ser unha mirada nostálxica, evocadora da vida de Rosalía e da súa obra”.
A exposición itinerante “Airiños Aires, Rosalía” xa recorreu os concellos de Vigo, A Coruña, Lugo, Ourense, Ferrol, Pontevedra e Redondela, cidades de Galicia onde xa se puido ver o proxecto que ocupou durante tres anos ao fotógrafo Xurxo Lobato.