O secretario xeral de Política Lingüística participou en Fene nos actos do I Día dos Medios en Galego

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou na mañá deste sábado en Fene na I Gala dos Medios en Galego e na posterior ofrenda floral ao Monumento ao Camiñante Descoñecido, co que se quere honrar a persoeiros galegos como Castelao ou Neira Vilas. Ambos os actos estiveron organizados pola AMEGA (Asociación de Medios en Galego) e forman parte das celebracións centrais con motivo do Día dos Medios en Galego, que se conmemorará por primeira vez o próximo 7 de febreiro.

Durante a súa intervención na gala, Valentín García quixo destacar “as oportunidades que nos brindan as novas canles dixitais para crear, manter e difundir medios de comunicación na lingua propia de Galicia”, oportunidades que “os xornalistas máis emprendedores están aproveitando para incrementar de maneira significativa a cantidade de noticias en galego ás que pode acceder a cidadanía”. Así mesmo, o secretario xeral chamou a atención sobre “a calidade e variedade dos medios dixitais en galego”, que inclúen dende a actualidade xeral ás revistas especializadas en motor, deportes ou tendencias.

Ademais do secretario xeral de Política Lingüística tamén tomaron a palabra o presidente da Asociación de Medios en Galego, Henrique Sanfiz; os portavoces de todos os partidos con representación parlamentaria en Galicia; xornalistas de diferentes medios de comunicación en galego e representantes de distintas entidades e ámbitos sociais e culturais do país.

A gala, que foi presentada por Antón Cortizas e Pitusa Arias, contou con intervencións poéticas a cargo do colectivo literario Moraima e coa colaboración da contacontos Paula Carballeira e a cantante Eugenia Sanmartín. Para pechar o acto, o alcalde de Fene, Juventino Trigo, lembrou a historia de Radio Fene, creada como elemento para contribuír á creación de identidade a través da lingua e destacou que os medios de comunicación en galego “son fundamentais para nos consolidar como nación de seu que reivindica o lugar no mundo que por dereito nos corresponde”.

Ofrenda floral ante o Monumento ao Camiñante Descoñecido

Día dos medios en galego

AMEGA, impulsora da celebración, escolleu para data da conmemoración o 7 de febreiro, por ser aquela en que saíu á rúa, en 1876, o primeiro xornal integramente escrito en galego do Rexurdimento: O Tío Marcos d’A Portela.

O Tío Marcos, impulsado por Valentín Lamas Carvajal, publicouse en tres períodos (1876-1880, 1883-1889 e 1917-1919) con periodicidade quinquenal ou semanal e chegou case aos 500 números. De ampla tiraxe (ata 4000 exemplares, todo un récord se consideramos o analfabetismo da época) e máis fama, vendíase en Galicia e na emigración e constituíu o primeiro intento exitoso de crear prensa en galego. Tras a súa estela virían outros xornais como A Fuliada, O Galiciano, A Gaita Gallega, Galicia, A Tía Catuxa, As Burgas, O Labrego ou A Monteira, que afirmaron a extensión da lingua galega ao ámbito da prensa durante o Rexurdimento.

Coa celebración, cada 7 de febreiro, do Día dos Medios en Galego, AMEGA quere contribuír ao coñecemento daquelas iniciativas pioneiras e, así mesmo, visibilizar os actuais medios de comunicación que utilizan a lingua galega e poñen o foco na realidade de Galicia.

Apoio aos medios en galego

A Xunta de Galicia, ademais de desenvolver campañas institucionais nos medios que empregan o galego como único idioma de comunicación, ten unha liña de subvencións exclusiva para empresas que realicen publicacións periódicas escritas integramente nesta lingua. Estas poden beneficiarse, ademais, das axudas xerais para empresas xornalísticas e de radiodifusión que contribúan á normalización do idioma e da cultura de Galicia. A Secretaría Xeral de Medios publica anualmente diferentes convocatorias pertencentes a ambas as liñas de subvencións, das que se benefician máis de 20 medios que empregan o galego de maneira exclusiva.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …