O Centro Cívico do Alto, en Narón acollerá este venres dúas sesións de Contos para bebés de Pavís Pavós, unha actividade enmarcada no proxecto Apego, que se impulsa a través do Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
A concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, recordou que as sesións programadas, dirixidas a un máximo de vinte menores cada unha, darán comezo ás 17.30 e ás 18.30 horas e terán unha duración máxima de media hora. Taibo explicou que para estas convocatorias xa se esgotaron as prazas dispoñibles, se ben incidiu en que todavía quedan algunhas para outras dúas actividades programadas este mes a través deste programa. A edil naronesa convidou ás familias inscritas no proxecto Apego –destinatarias destas propostas, que son de balde- a acudir ás citas, que teñen moi boa acollida entre a veciñanza de Narón.
Contos para bebés
Contos para bebés de Pavís Pavós son unhas sesións nas que os participantes –nenas e nenos de 0 a 4 anos e as súas familias- terán a oportunidade de escoitar algunhas historias que falan sobre asuntos cotiás. Os ditos e as cancións tradicionais formarán parte desta proposta, enfocada á recuperación de contos, adiviñas e xogos propios da tradición galega.
As próximas convocatorias, para as que aínda queda algunha praza libre, serán o 17 e o 30 de novembro. Na xornada do 17 os protagonistas serán Atenea García e Nicolás Zamorano, Xarope Tulú, que se encargarán de interpretar unha peza teatral dirixida a nenas e nenos de 2 a 6 anos (un máximo de 35 e que deberán estar acompañados por unha persoa adulta). A miña primeira viaxe de Xarope Tulú é o título deste espectáculo, no que se contarán unha serie de historias que lle acontecen a un neno que viaxa dentro dunha cápsula por un universo descoñecido. A convocatoria terá lugar no Centro Cívico Social de Piñeiros a partir das 18.00 horas.
A última das propostas enmarcadas neste ciclo é A falta de pan, bos son contos de Atenea García. De novo será Atenea García, de Xarope Tulú, a encargada de contar ao público asistente unha serie de historias da vida cotiá hai uns anos, concretamente centrándoa na persoa da súa avoa e as súas amigas e na súa creatividade para afrontar situacións como a escasez de alimentos da época para algunhas familias. Nesta ocasión os destinatarios son nenas e nenos de 3 a 6 anos (un máximo de 35 e tamén acompañados dun adulto) e a cita será a partir das 18.00 horas no Centro Cívico Social da Gándara o día 30 de novembro.
As persoas interesadas en asistir a estes dous últimos espectáculos poden inscribirse –ata esgotar prazas- a través do correo electrónico: a.pita@naron.es, tal e como recordou Mercedes Taibo, que incidiu en que é preciso que indiquen o nome da actividade na que desexan participar; o nome e a idade do menor que asistirá e o nome da nai, o pai ou a persoa adulta que o acompañará á sesión, así como un enderezo electrónico e un teléfono de contacto.
Ya parecemos catalanes con mezclar niños con politica linguistica