A presidenta e o vicepresidente da Comisión de Dereitos da Muller e Igualdade de Xénero (FEMM) do Parlamento Europeo, a lituana socialista Vilija Blinkeviciute e o portugués membro do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) Joao Pimenta Lopes, respectivamente, así como outros eurodeputados e eurodeputadas de FEMM de diferentes países, entre os que se contaban Lidia Senra e José Blanco, recibiron este martes no edificio da Eurocámara en Bruxelas á delegación de case medio cento de representantes municipais e provinciais galegas que se achegaron a capital belga para presentar a campaña En Negro contra as violencias machistas.
O grupo galego, encabezado polas concelleiras de Igualdade de Santiago de Compostela, Marta Lois, que fixo de voceira como cidade impulsora da campaña, xunto as súas homólogas da Coruña, Rocío Fraga, e de Ferrol, Saínza Ruiz, expuxo os obxectivos da campaña 2017 nunha xuntanza que tiña lugar as 10:00 nas salas do PE.
Posteriormente, ás 11:30 horas, tivo lugar unha acción de visibilización da campaña galega na explanada de diante do Parlamento Europeo por parte dun colectivo de accións de rúa chegado desde Viveiro, Somoslag.
O obxectivo: que Galicia simbolice na institución comunitaria a repulsa e a loita colectiva contras as violencias machistas, na antesala do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres.
A campaña En Negro contra as Violencias Machistas, arrancou hai tres anos no Concello de Santiago por primeira vez. Ferrol sumouse no 206 con outras 16 cidades e vilas e neste ano 2017 serán 72 concellos de toda Galiza adheridos a ela e case 3.000 establecementos de todo tipo.
A delegación de medio cento de persoas galegas que viaxou a Bruxelas está integrado por deputadas provinciais da Deputación de Lugo e de Pontevedra, concelleiras e concelleiros, responsables municipais de Centros de Información ás Mulleres e técnicos de Santiago de Compostela, A Coruña, Ferrol, Muros, Salceda de Caselas, Rianxo, Ribadeo, Fisterra, Val do Dubra, Lugo, Ames, Cerdido, Ortigueira, As Pontes, Cambre e Becerreá, convidados polos grupos de AGE e PSE na cámara europea.
Segundo os datos da última Macroenquista de violencia contra as mulleres realizada no 2015 polo Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, un 13% das mulleres residentes no Estado español de máis de 16 anos declaran ter sufrido violencia física ou sexual nalgún momento da súa vida por parte da parella ou exparella; un 26% violencia psicolóxica de control como celos, control de horarios e actividades; e un 20% violencia psicolóxica emocional como insultos, intimidacións, ameazas verbais, etc. Desde 2003 até maio do 2017, a Delegación do Goberno rexistrou 53 asasinatos machista na Galiza e 780 no Estado español.
A iniciativa enmárcase dentro das actividades que terán lugar ao longo de novembro para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, 25 de novembro, así instaurado pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas en 1999 convidando a gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a desenvolver actividades dirixidas a sensibilizar á poboación respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres.