Implantación dunha APP que comunica en tempo real a chegada dos alumnos e alumnas ao colexio de Piñeiros, en Narón

O proxecto Camiños Escolares Seguros, impulsado a través da Concellería de Seguridade Cidadá de Narón, que preside o edil Guillermo Sánchez Fojo, continúa avanzando na cidade. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e as edís de Novas Tecnoloxías e Ensino, Natalia Hermida e Mercedes Taibo, respectivamente, acompañaron este martes a Sánchez Fojo con motivo da posta en marcha dunha novidosa aplicación deste programa e da instalación dun check point no CEIP de Piñeiros.

Un total de 180 alumnas e alumnos do citado centro participan activamente nesta nova iniciativa, identificándose cunha pulseira á súa chegada ao centro e conseguindo unha serie de puntos que poderán canxear por agasallos. Os representantes do goberno local amosaron a súa satisfacción polo bo funcionamento deste novo dispositivo. A alcaldesa agradeceu a colaboración “do alumnado, das súas familias e dos propios centros nos que cada ano tratamos de implantar novas propostas similares, encamiñadas a mellorar a seguridade viaria nas inmediacións dos colexios e, sobre todo, nas horas de entrada e saída, apostando por retirar os vehículos das proximidades destes centros para evitar posibles situacións de perigo”.

«Pegadas»

As nenas e nenos de Infantil e Primaria –de 3 a 11 anos- que solicitaron no centro participar nesta proposta recibiron unha pulsera co logo de “Pegadas”, a mascota do programa, cun dispositivo que lles permite identificarse no check point á súa chegada ao colexio. De modo inmediato, os pais e nais reciben en tempo real un correo electrónico no que se lles informa de que o menor está xa no centro educativo.

Pero a maiores, o feito de participar no programa Camiños Escolares Seguros, realizando o percorrido ata o centro a pé desde as súas casas e agora identificándose coa pulseira, concédelles aos escolares unha “pegada” cada día que se rexistran no check point, que a modo de punto permitiralles canxealos por agasallos –ao reunir unha cantidade determinada- en varios establecementos comerciais da cidade. A Asociación de Comerciantes de Narón e responsables doutros establecementos non vencellados á entidade ultiman xa un catálogo no que se ofrecerán os posibles agasallos, que irán, tal e como avanzaron, desde descontos nos establecementos ata viaxes, entradas de cine, xoguetes, roupa… e tamén desde o Padroado da Cultura de Narón se darán entradas para algún dos espectáculos programados no Pazo.

Novos centros

O concelleiro de Seguridade Cidadá explicou que proximamente, ao check point instalado no colexio de Piñeiros “sumaranse outro no Jorge Juan e dous máis no centro Ponte de Xuvia” e avanzou que no último trimestre do curso está previsto realizar unha proba piloto nun dos centros con máis alumnado do municipio, o da Solaina”.

“O Concello de Narón iniciou hai moitos anos un camiño en materia de Seguridade Viaria nos centros escolares que ano tras ano vai ampliándose e no que os escolares, as familias, a comunidade educativa e o goberno local imos avanzando cun obxectivo común, que non é outro que o benestar dos nenos e nenas e a súa máxima seguridade á hora de entrar e saír dos colexios, evitando aglomeracións de vehículos ás portas dos mesmos, co risco que iso pode supoñer”. Con ese mesmo fin o equipo de Educación Viaria do Concello impulsou o programa “Bica e arrinca” e habilitáronse tamén desde o Consistorio os estacionamentos disuasorios nas inmediacións dos colexios Ponte de Xuvia e Piñeiros, estando pendente outro proxectado na Solaina.

Marián Ferreiro recordou que Narón “é un Concello que en materia de Educación Viaria obtivo xa varios recoñecementos, algúns deles a nivel nacional, algo que foi posible grazas á colaboración de todas esas persoas que se implican nos proxectos que poñemos en marcha desde o Consistorio”. A alcaldesa comprometeu o apoio do equipo de goberno a outras iniciativas vencelladas con esta área, subliñando a importancia da prevención e formación en materia de educación e seguridade viarias.

Lea también

Tega denuncia o bloqueo da oposición á proposta do goberno local de modificación da ordenanza de subvencións

Os tres grupos da oposición na corporación local naronesa, PP, BNG e PSOE, votaron na …