Juan J. Burgoa-(jjburgoa@hotmail.com)-TIRANDO A DAR
O sabio bieito frei Martín Sarmiento, nado de pais galegos en Villafranca del Bierzo, foi o primeiro estudoso que tratou da orixe e ascendencia deste singular pobo. Sarmiento sostén que os maragatos descenden “de aquellos mauritanos o cartagineses” que perseguidos polos romanos se refuxiaron nas montañas de Astorga, recibindo o nome de “maurellos o mourellos”, xa citados no Concilio de Lugo do século VI.
Ao longo do tempo desenvolvéronse diversas teorías arredor da súa orixe; desde autores que apuntaban a súa procedencia bretona ata os que os facían descender dos bereberes ou dos mogrebíes. Algúns poñen a súa orixe nunha derivación da palabra mercador ou mercader ou nunha evolución lingüística que desde “mauri capti” (moros cautivos) leva a maragatos. Mesmo para autores como Caro Baroja ou Miner Otamendi foron considerados un “pueblo maldito”, xunto cos pasiegos santanderinos, os agotes navarros, os vaqueiros de alzada e os chuetas baleares.
A Maragatería (antes chamada La Somoza) é unha ampla comarca leonesa de 500 km2, que é o paso natural entre Galicia e a meseta. Ten como capital Astorga e como localidades coñecidas están Castrillo de los Polvazares, Foncebadón, Santa Colomba, Compludo ou Rabanal del Camino, lugares de especial arquitectura, peculiares costumes e gastronomía propia como o cocido maragato. Desta zona son os famosos marchantes e arrieiros maragatos que, coa súa vestimenta típica, desde o século XVII percorreron os camiños de ferradura do norte de España, singularmente o traxecto entre Madrid e Galicia.
Estimados pola súa honradez e profesionalidade, tiveron o recoñecemento da Coroa que os empregaba para trasladar o ouro das Indias, recollelo diñeiro xerado polos tributos e mesmo trasladar os fundos para o pago das obras e os soldos do persoal destinado no Arsenal de Ferrol. Non embargantes, ó seu traballo normal era levar a Galicia o viño, os embutidos e os produtos da matanza, regresando logo a Castela, e de paso levar a Madrid polbo, peixe, salgaduras e outros xéneros.
Os maragatos usaban nas súas viaxes as antigas vías romanas ou algúns traxectos do Camiño de Santiago, sendo ao principio coñecidos como recueros, pola utilización de recuas de mulas, e logo como arrieiros, cando comezaron a empregar carros ou carromatos conducidos polas propias mulas. Coa chegada do ferrocarril no século XIX, practicamente finalizou a arrieiría maragata, polo que moitas familias, dada a súa aptitude para os negocios e a capacidade de adaptación, fixéronse comerciantes estables, ben como pescadeiros en Madrid, ben como carniceiros ou panadeiros en moitos lugares da ruta que percorrían ou ben dedicados ao comercio nas localidades de Galicia, singularmente en Ferrol desde finais do século XIX.
En Ferrol os maragatos dedicáronse principalmente ao comercio de ultramarinos e coloniais, pero tamén á venta de mantas e ropa, de materiais para a construción e de viños. Cun tradicional sentido da familia e practicando unha certa endogamia nas súas relacións, rexentaron unha serie de establecementos comerciais que aínda lembramos moitos ferroláns, permanecendo na nosa mente como honrados emprendedores e serios traballadores.
Moitos destes comerciantes procedían de Castrillo de los Polvazares, onde se reúnen de xeito periódico os membros de moitas familias maragatas. En Ferrol quedan os seus apelidos, como Botas, Fuertes, Alonso, Blanco, De la Fuente, Nistal, Salvadores, Del Palacio, Ceniza, Girgado, Crespo, Moreno e outros máis, como lembranza da súa numerosa presenza na nosa urbe.
Nesta Cidade Ensimesmada de Ferrol que adora pola peaña tódolo que chega de fora, esa abondosa ringleira de doutores ferroleños que escriben do divino, do humano e do diabólico, teñen aquí e agora a ocasión de espabilar e estudar a presenza dos maragatos en Ferrol, antes de que a sempre estúpida memoria histórica os relegue ao esquecemento.
De verdad que no sé como puede escribir de un tema de cierto interés y terminar con una salida de tono que en nada aporta ni al artículo, ni a la ciudad, ni a nada. Si usted cree que es un tema digno de estudio pues investíguelo y déjese de provocar, porque usted sí que parece ensimismado, encerrado en usted mismo e incapaz de salirse de su espiral egocéntrica de decir lo mal que hacen todo los demás (además de autoproclamarse a usted mismo como asociación , foro o lo que sea)