O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o presidente da Confederación de Empresarios de Ferrolterra, Eume e Ortegal (COFER), Cristóbal Dobarro Gómez, asinaron esta mañá en Ferrol un convenio a través do cal se articulará un plan de actividades destinadas a fomentar o emprego e o emprendemento e a potenciar o tecido empresarial destas tres comarcas.
O convenio suporá un investimento de 75.000 €, dos que 60.000 € serán achegados pola Deputación da Coruña, e contempla “a realización de actividades, iniciativas e proxectos dirixidos ao fortalecemento do tecido empresarial e especialmente orientados á creación de emprego”, segundo explicou o presidente de COFER, que considerou que ambas cuestións son as principais prioridades nun panorama social e económico caracterizado pola “incertidume”.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, destacou a importancia de COFER, que integra a 18 asociacións empresariais e máis de 2.000 empresas da zona, e explicou que o plan contará con tres eixos fundamentais: o desenvolvemento de iniciativas orientadas á creación de emprego, o apoio aos emprendedores que queran pór en marcha a súa idea de negocio e accións encamiñadas a fomentar a internacionalización das empresas da comarca.
González Formoso apuntou que a creación de emprego segue a ser unha das principais prioridades do goberno provincial. “Non podemos baixar o pé do acelerador, aínda que os macroindicadores comecen a ser positivos”, sostivo o presidente da Deputación, que destacou que aspectos como “a aposta pola diversificación, o apoio ás iniciativas emprendedoras ou á internacionalización das empresas son claves” de cara á recuperación dos niveis de emprego anteriores á crise.
Bolsa de emprego e apoio a emprendedores
A través do convenio asinado hoxe, COFER porá en marcha unha serie de ferramentas destinadas a favorecer a inserción laboral dos desempregados, entre elas unha plataforma telemática-bolsa de traballo na que tanto empresas como demandantes coñezan de primeira mán as opcións e perfís profesionais dos que dispoñen.
Este aspecto compleméntase cun servizo de orientación laboral pensado para ofrecer aos demandantes de traballo pautas coas que mellorar os resultados da súa busca ofrecéndolles información sobre técnicas de busca de emprego, formación, programas de inserción laboral ou opcións de autoemprego.
O apoio ao emprendemento será outro dos pilares da colaboración entre a Deputación e COFER, que articulará servizos de análise de viabilidade do proxecto empresarial, acceso a subvencións públicas, asesoramento xurídico-fiscal, etc. para axudar a pór en marcha novas ideas de negocio. Dentro deste ámbito, realizaranse accións concretas para a posta en marcha de proxectos emprendedores nos ámbitos turístico e cultural.
Internacionalización e exportacións das empresas
Como terceiro eixo desta programa de colaboración impulsaranse estratexias comerciais de ámbito internacional, asesorando ás empresas locais en materia de internacionalización, axudándolles a exportar os seus produtos e formándoas en cuestións relacionadas co comercio exterior. Preténdese tamén facilitar a presencia das empresas de Ferrolterra, Eume e Ortegal en feiras e eventos nacionais e internacionais e foros de promoción exterior, co obxectivo de que o potencial empresarial da comarca sexa coñecido a nivel internacional.