Tódolos especialistas de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol participan no III Curso de Actualización Cardiovascular en Atención Primaria. O obxectivo deste curso é un maior contacto dos profesionais do Complexo cos especialistas en Medicina Familiar e Comunitaria da área sanitaria para poder dar resposta tanto a dúbidas técnicas como a calquera suxestión que mellore os protocolos e relación entre ámbolos dous ámbitos. Trátase dunha participación activa e contextualizada no ámbito dos centros de saúde e os Puntos de Atención Continuada, coa fin de mellorar o diagnóstico, o manexo, e a derivación, indican os especialistas.
Abórdanse as enfermidades con maior prevaleza no ámbito cardiovascular, no que se está producir unha constante actualización; e, así, facilitar as claves diagnósticas e o manexo, en todas aquelas cuestións esenciais. Así, durante oito semanas, no salón de actos do Hospital Naval do Complexo Universitario ferrolá abordarase diferentes cuestións. O curso de Actualización comeza hoxe, mércores 4, coas arritmias como protagonistas, Manexo das arritmias nos Punto de Atención Continuada, ás 16:30 horas, no Hospital Naval.
Xunto con esta cuestión, falarase tamén durante estes dous mese de Miocardiopatías. Seguimento, implicacións, e estudo familiar; Actualización no manexo do paciente con valvulopatías; o Manexo do paciente con síncope no medio ambulatorio; a Insuficiencia cardíaca, optimizar recursos para reducir hospitalizacións e mellorar a calidade de vida e o prognóstico; Cardiopatía Isquémica. Cuestións prácticas nunha patoloxía moi prevalente; Aspectos novidosos da prevención cardiovascular; e Fibrilación auricular. Aspectos relevantes para o manexo ambulatorio.
Arritmias
As enfermidades cardiovasculares continúan a se-la principal causa de mortalidade nun contexto de envellecemento da poboación e aumento da cronicidade. As arritmias supoñen unha proporción relevante dentro desa morbimortalidade. Son as alteracións do ritmo cardíaco que implican un compromiso da función cardíaca. Tanto pola súa repercusión inmediata, como pola súa transcendencia ó longo prazo, constitúen sempre un desafío, xa que son fonte de desasosego para o médico que ten que asumir o manexo inicial dese paciente. Realizar una avaliación integral e sistemática dos pacientes proporciona seguridade ó profesional.
Trátase con este Curso de contribuír á formación, e capacitar ós facultativos dos centros de saúde cos coñecementos e as ferramentas accesibles, o que redundará nunha mellor atención dos pacientes.