Coa celebración do Día Mundial do Corazón, mañá venres 29, profesionais da Xerencia Integrada de Ferrol reúnense nunha nova edición da Pasarela Solidaria 2017, Mulleres en Vermello, campaña de sensibilización sobre a prevaleza da enfermidade cardiovascular na muller, e relacionada co movemento internacional Go Red For Woman. O especialista en Medicina Familiar e Comunitaria, Carlos Piñeiro; en Enfermaría Obstétrico-Xinecolóxica, a matrona Natalia Pérez; e en Cardioloxía, Emiliano Fernández-Obanza presentarán o proxecto Cardioescola; incidirán na lactación materna como unha ferramenta de defensa futura para o corazón; e falarán da importancia da saúde cardiovascular na muller. Nesta ocasión, contarase tamén coa intervención da responsable do Servizo de Rehabilitación Cardíaca do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo, Marisol Bravo Amaro.
Esta xornada será mañá venres 29, no Auditorio Municipal da Praza de Galicia en Narón, entre as 18:00 e as 21:00 horas. Segundo indica o coordinador do encontro, o facultativo Carlos Piñeiro, ademais das intervencións dos profesionais citados, presentarase o proxecto Cardioescola, en colaboración co Concello de Narón, a Asociación de Amigos do Corazón (Amicor), e o Cefore (Centro de recursos de formación dos profesionais de Ferrol), e contando co centro de saúde de Narón como centro sanitario de referencia. Este programa converte ós alumnos e alumnas de tres colexios de Narón en investigadores sobre hábitos de vida saudables no seu entorno, e deseñarán estratexias, como pezas teatrais e entrevistas sobre hábitos a adultos de diversos estamentos, para desterrar eses posibles hábitos pouco saudables, e instaurar aqueles máis correctos, e que axuden a “rematar coa enorme taxa de sedentarismo dos máis pequenos”, indica Carlos Piñeiro.
Así, estes profesionais da área sanitaria ferrolá ofrecerán as súas achegas coa fin de que a muller tome conciencia do que supón a enfermidade cardiovascular para ela; e teñan ferramentas para coidarse e previla. Haberá música e baile; e, tamén, solidariedade, xa que a entrada o evento consistirá na vontade de traer alimentos non perecedoiros para o Banco de Alimentos; e levar vestida, se se desexa, algunha prenda vermella que saliente o valor da “muller en vermello”.
A enfermidade cardiovascular
As enfermidades do corazón prodúcense a causa da aterosclerose que é o termo médico que se emprega para describir a acumulación de ateroma (depósito fundamentalmente de calcio e graxa, normalmente colesterol) na parede interna das arterias, formando “placas” que reducen progresivamente o diámetro da arteria. A enfermidade do corazón máis común é a cardiopatía isquémica, debido á obstrución das arterias coronarias, polo que o corazón non recibe suficiente sangre rica en nutrientes. A placa pode romper e causar un coágulo de sangue. Este coágulo pode bloquear en parte ou completamente o fluxo de sangue, e así causar anxina de peito ou ataque cardíaco.
Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística, confírmase que a enfermidade cardiovascular segue a ser, en termos globais, a primeira causa de morte en España, por riba dos tumores e das enfermidades cardiovasculares. “Constátase ademais, que é nas mulleres onde a mortalidade cardiovascular é claramente máis frecuente”. No caso dos varóns, predominan lixeiramente as enfermidades tumorais como primeira causa de morte, explica o cardiólogo da área sanitaria ferrolá, Emiliano Fernández-Obanza. “Isto contrasta coa idea máis xeneralizada de que as enfermidades cardiovasculares afectan só ó xénero masculino”, engade.
As causas da enfermidade cardiovascular son coñecidas, e, actuando sobre elas, pode reducirse o risco ata nun 82%. O obxectivo deste encontro, polo tanto, é analizar a enfermidade cardiovascular e as medidas preventivas; como actuar en caso de sufrir un evento cardiovascular; e animar e motivar ás mulleres, xa que, “con pequenos cambios na vida cotiá, a calidade de vida vai a mellor”, rematan.