Narón colabora coa AVV do Couto na XXVI edición do ciclo Tempo de música que comezará o vindeiro domingo

Local Social de O Couto – Páxinas Galegas

O local social da “Picota”, na parroquia naronesa do Couto acollerá os domingos do mes de outubro os concertos do programa da vixésimo sexta edición do ciclo Tempo de música. O Padroado da Cultura colabora coa Asociación de Veciños do Couto na organización desta convocatoria musical, que dará comezo o vindeiro domingo, 1 de outubro, coa actuación da Xove Banda de Narón, da Agrupación Cultural Musical Sementeira. Todos os concertos comezarán ás 18.00 horas e a entrada será de balde, tal e como se indicou desde a organización.

Na xornada do 8 de outubro será o turno da rondalla Lucero del Alba, de Neda e o día 15 do citado mes subiranse ao escenario os integrantes doutra rondalla, nesa ocasión de Bohemios, de Ferrol.

A música coral voltará á programación do ciclo Tempo de música o 22 de outubro, coas actuacións das agrupacións Don Diego de Muros, de Muros, e da Coral Polifónica da Sociedade A Gaiteira, da Coruña.

Na última xornada, o 29 de outubro, actuarán o grupo Culpables, de Neda e, como é habitual nesta convocatoria, pechará o ciclo a coral Amistad, da Asociación de Veciños do Couto.

Este evento conta ademais coa colaboración da Federación Coral Galega e da Deputación da Coruña.

Desde o Padroado da Cultura e a AVV do Couto animan á cidadanía a asistir a esta xa tradicional cita no calendario de actividades impulsadas no último trimestre do ano pola citada entidade veciñal.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …