Juan J. Burgoa
Eu vivín moitos años no barrio de Canido,
batido polo vento nos catro costados …..
casas no alto, rúas estreitiñas,
o Cristo do cruceiro, a fonte da Tafona …..
Xohana Torres
Tres eixos conformaron a traxectoria vital de Xohana Torres: Santiago, onde viño ao mundo o ano 1931; Ferrol, onde transcorreu a súa infancia e a súa xuventude; Vigo, onde finalmente se afincou na súa madureza e onde nos deixou. En Ferrol entrou en contacto co mundo da radio e do teatro, sendo alumna de Carballo Calero. Estudou Filosofía e Letras en Santiago e a partires do ano 1953 comezou a súa colaboración con diversas revistas como Aturuxo, Proa, Vida Gallega, Vieiros e Grial. Desde os primeiros momentos, na súa abondosa e polifacética produción literaria, feita toda ela no idioma galego, salienta o seu interese pola reconstrución cultural de Galicia e pola defensa da súa lingua.
O ano 1981 foi galardoada co Premio da Crítica polo seu poemario “Estacións ao mar”, obra da súa madureza, de alto nivel expresivo e vigorosas verbas. Os seus poemas xiran arredor de Ferrol (ou Lorref), a Praza Vella, o Cantón de Molíns, a boca da Ría, A Graña, o mar de Cobas, Curuxeiras, e o seu barrio de Canido. Outros dous poemarios da súa autoría foron “Do sulco” (1957) e “Tempo de Ría” (1992). Publicou ademais “Ferrol, corazón de navío” (2001), unha edición especial na que recompila diversas poesías e da que teño un exemplar cunha cordial dedicatoria que sempre lle agradecerei.
O ano 1971 publicou “Adiós, María”, unha singular narración consistente nunha serie de monólogos da súa protagonista Maxa, novela que foi Premio Galicia do Centro Galego de Bos Aires. A obra, de certa reivindicación feminista, amosa un carácter realista e unha escrita innovadora, arredor do desencanto da protagonista e dos problemas dunha dobre emigración, a levada a cabo desde o mundo rural ao urbano e a realizada desde Galicia a Europa.
De gran interese é a súa produción teatral que inclúe dúas obras. “A outra banda do Íberr”, asinada en Port-Said o ano 1961, nunha das viaxes que fixo co seu marido José Luis Ellacuría, mariño mercante, e “Un hotel de primeira sobre o río”, que gañou o III Concurso Castelao de Teatro do ano 1966. Así mesmo Xohana Torres foi pioneira dentro da literatura galega para nenos con títulos que van desde “Polo mar van as sardiñas” (1968) ata “Pericles e a balea” (1984), ademais de realizar diversas traducións e adaptacións de contos coñecidos.
Xohana Torres foi tamén unha estudosa da etnografía e a antropoloxía, publicando o ano 1971 anos un interesante ensaio titulado “San Andrés de Lonxe, mitos e ritos”, obra que foi Premio Federico Maciñeira da Deputación da Coruña. Outros numerosos premios acompañaron o seu devir literario, desde o Padrón de Ouro do ano 1972 ao Premio Nacional da Creación Feminina, que lle foi concedido o ano 1992.
O ano 2001 Xohana Torres ingresou na Real Academia Galega, sendo a terceira muller que o fixo naquel momento. O seu discurso de entrada titulouno “Eu tamén navegar”, constituíndo unha defensa do mundo do mar e unha evocación da súa avoa Lola, facendo un percorrido polas súas vivencias cheas de referencias mariñeiras.
Xohana Torres tivo boas relacións con moita xente de Ferrol, pero tamén unha pouco fluída relación coas institucións e as entidades da propia cidade. Non obstante, non é doado entender que os responsables da cultura do Concello ferrolán non tiveran a merecente lembranza a unha escritora en galego, que residiu moitos anos no barrio de Canido e que deu a coñecer nas súas publicacións o nome de Ferrol (o poético Lorref da súa obra) e os lugares e recunchos máis sobranceiros da urbe. Polo menos a Biblioteca Municipal da cidade está a lembrar o seu traballo a prol da cultura.
Ferrol foi o berce de significados poetas, tanto en galego como en castelán; ferroláns foron, entre outros, os irmáns Alberto e Joaquín Camino, Díaz de Robles, Manuel Comellas, Emiliano Balás, Aurelio Ribalta, Wenceslao Veiga, Adelardo Novo, Dictinio del Castillo, Carballo Calero, Ernesto Guerra de Cal, Elvira Lacaci, José Luis Prado Nogueira e Pérez Parallé, entre outros. Sirvan estas liñas de cumprido homenaxe a Xohana Torres, unha voz senlleira e fecunda dentro da prosa e da poesía en galego.