O Concello de Ferrol acometerá a rehabilitación do dique de mareas da Cabana e da súa contorna, un elemento singular da enxeñería hidráulica datado no século XIX, un dique seco de carenar considerado o mais antigo de Galicia e o segundo no Estado.
Este tipo estaleiros co seu dique de mareas foron desaparecendo a causa das dimensións e demandas dos buques actuais, polo que, o Dique da Cabana preséntase como un exemplar único do que foron as construcións marítimas en Ferrol.
O concelleiro de Emprego e Promoción Económica, Álvaro Montes, anunciaba esta mañá que o Concello de Ferrol acadou o 100% do importe solicitado para acometer este proxecto, denominado “Obras de restauración do dique da Cabana e a súa contorna”, a través dunha subvención dos fondos europeos.
O importe total estimado para o proxecto é de 217.390 euros dos que a parte subvencionable é de 150.000 (o 100% do solicitado). A achega municipal sería, por tanto, de 67.390 euros con cargo a distintas partidas de Emprego e con carácter plurianual
A notificación da concesión desta achega chegou da Consellería do Mar, ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo, aprobadas aos GALP do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do FEMP (Fondo Europeo Marítimo de Pesca).
A planificación deste proxecto vai destinada á conservación, posta en valor e aproveitamento desta contorna que vai ter como prioridade dous dos seus elementos esenciais: o dique e o peirao. Trátase, como ben indicaba hoxe o concelleiro Montes, dun proxecto plurianual (2017-2019) distribuído nas seguintes fases:
– Anualidade 2017: Actuacións preparatorias (redacción do proxecto básico)
– Anualidade 2018: 1ª fase das obras de restauración do Dique, muro do peirao e acondicionamento das zonas verdes (contorna)
– Anualidade 2019: 2ª fase das obras de restauración centrados na construción anexa.
As actuacións deseñadas no proxecto para a recuperación do dique de mareas da Cabana son compatibles cos usos actuais da zona en relación cos deportes acuáticos. Así mesmo, a realización deste proxecto supón recuperar este espazo á poboación como un recurso de grande interese dende un punto de vista histórico, tecnolóxico e patrimonial.
A propia natureza do proxecto, a súa localización, potencial e representatividade como parte dun patrimonio singular, implica a outras entidades do municipio como a Universidade da Coruña, a Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao e as entidades veciñais.