O camiño do Enxerto, a estrada que une a praza dos Duques da Conquista coa AC-862, está en obras desde hai varios días. O Concello preparou a finais do ano pasado un proxecto para aglomeralo en toda a súa lonxitude -uns 900 metros- e para dotalo de beirarrúas e un novo sistema de drenaxe. Á licitación do contrato presentáronse un total de 14 empresas especializadas en obra pública. Finalmente foi Saavedra y López S.L. quen resultou adxudicataria duns traballos financiados ao 80% con fondos xestionados pola Deputación da Coruña, a través dunha subvención nominativa en favor do Concello.
Os primeiros labores que se levaron a cabo foron os de limpeza das cunetas co obxectivo de instalar novas tubaxes de drenaxe da auga da choiva, sobre as que despois se construirá unha beirarrúa de 1,30m. de ancho ao longo de 865 metros, na súa maior parte pola marxe esquerda da pista.
As obras de urbanización finalizarán cun novo pavimento de aglomerado asfáltico co que, ademais, se procurará darlle a todo o traxecto un ancho uniforme de 4,7m.
As obras licitáronse mediante procedemento aberto en 125.711,93€, ive incluido. O Concello recibiu 14 propostas técnicas e económicas doutras tantas empresas do sector que operan habitualmente na comarca. A máis vantaxosa foi, segundo as resolucións da mesa de contratación, a presentada por Saaveda y López S.L., cun prezo final de 124.993 euros e un compromiso de ter lista a nova infraestrutura en 72 días.
O 80% dos custes totais serán asumidos pola Deputación da Coruña en virtude dun convenio suscrito entre ambas institucións a finais do ano pasado.
Proposta de adxudicación das obras do POS+
Ademais destas obras que agora comezan, o Concello tamén executará en breve os proxectos correspondentes ao POS+, denominados “Pavimentación dos camiños da Fraga-Penalonga-AC861, o Cancelo-Vilaverde-Brame e outros”, que prevé actuacións nas parroquias de Ferreira, Igrexafeita e Lamas; “Pavimentación dos camiños A Veiga, As Calvelas, A Rega e outros”, co que se repararán pistas en Bardaos e Santa Mariña do Monte; e “Pavimentación dos camiños do Xestal-Filgueiras, Lourido, Riolimpo-Vilarbó e outros”, dos que se beneficiarán as vías principais destes lugares de Ferreira e Naraío.
A mesa de contratación -composta por persoal técnico, membros do grupo de goberno e o portavoz do PP- resolveu o xoves pasado propoñer a adxudicación de todas estas obras. En virtude da avaliación técnica e económica, a construtora Concifa faríase cos dous primeiros proxectos por un importe global de 107.584 euros -70.662 e 36.922 €, respectivamente- mentres que o terceiro executaríao José No Mantiñán e Hijos por 31.743€.