Este xoves é o primeiro xoves do mes e, polo tanto, día no que toca pleno ordinario en Fene. A corporación municipal está chamada a unha sesión que leva na súa orde do día 6 puntos dos que só dous posúen entidade de seu máis aló do estritamente administrativo. E é que, ademais da dación de conta sobre resolucións e o sempre animado apartado de rogos e preguntas, o pleno deberá votar a proposta de festivos locais para 2018 e a distribución de subvencións nominativas entre 18 entidades do municipio, por un importe total de 51.500 euros, 4.000 máis que o ano pasado.
Esta cifra aínda podería verse modificada durante a sesión plenaria no caso de haxa propostas de modificación dalgunha contía. En calquera caso, o que se eleva á consideración dos distintos grupos é a modificación das bases de execución do orzamento prorrogado para acomodar nelas as partidas correspondentes ás subvencións nominativas que, salvo as modificacións que se introduzan na propia sesión, pouco deberían variar en termos xerais.
En total veranse beneficiados 18 colectivos entre os que, en principio, se distribuirán 51.500 euros para a execución de 19 actividades, como son festas de tipo sociocultural, musical, gastronómico ou do motor; o desenvolvemento de obradoiros e o mantemento de servizos sociocomunitarios.
Neste último caso estarían as ANPAs de Centieiras, Os Casais e A Xunqueira como xestoras dos comedores escolares de cada un deses centros de ensino, pero tamén Cáritas, Aspaneps e a Fundación Amigos de Galicia, cun importante labor no ámbito social e educativo.
A partida total incrementa en 4.000 euros a contía consignada o ano pasado coa mesma finalidade. O acordo final que adopte o pleno será exposto durante 15 días.
Xunto con esta cuestión, a orde do día tamén inclúe a votación dos festivos locais para 2018. Elixíronse o 14 de febreiro, Mércores de Cinza, e o 6 de agosto, coincidindo coas festas do San Salvador.
Punto que caeu do pleno
O bipartito fenés tamén tiña intención de levar a pleno a modificación das distintas comisións informativas para adaptalas á nova realidade da corporación tralo paso ao grupo dos non adscritos dos edís de Somos Fene, Xoán Manuel Rodríguez Bastida e César Castro. Un asunto que finalmente non se tratará por mor da oposición do PP e o PSOE.
Como se recordará, Bastida e Castro foron expulsados da agrupación electoral pola que concorreron ás eleccións municipais, logo de que trascendese a súa participación na moción de censura que amagaron con presentar xunto co PP e dous representantes do PSOE.
A expulsión supuxo que, segundo os servizos xurídicos municipais, ambos concelleiros debían ser considerados como non adscritos que, na práctica, significa que cada un deles ten representatividade propia e non como parte dun grupo constituído previamente.
Do asunto xa se informou na anterior sesión plenaria e agora tocaría volver reconfigurar as comisións informativas para darlle acomodo a esta nova situación.
O grupo de goberno pretendía que a cuestión se tratase este xoves, cunha proposta consistente en que Bastida e Castro formasen parte de todas as comisións. «O noso obxectivo é que os dous concelleiros teñan garantida a súa presenza neses órganos», asegura Juventino Trigo.
Porén, a maioría numérica de PP e PSOE tumbou esa pretensión ata en dúas ocasións, unha na Comisión de Organización e Seguridade do pasado 30 de agosto e outra o pasado día 23 ao rexeitaren ambas formacións a urxencia de convocar unha comisión extraordinaria para desbloquear a cuestión que, en palabras de Juventino Tigo «é clave para un funcionamento correcto e democrático do máximo órgano municipal«.