O Concello de Cabanas informou esta mañá de que aínda queda algunha praza libre no programa municipal Cabanas Concilia para a segunda quincena deste mes de agosto. Un programa co que a Concellería de Servizos Sociais busca facilitar a conciliación da vida familiar e laboral das familias nestas vacacións estivais, ofrecendo ós máis pequenos da casa propostas de ocio didáctico, e que se leva celebrando dende primeiros de xullo.
Así, as familias interesadas deben formalizar a súa inscrición na casa consistorial de 9 a 14 horas de luns a venres.
Cabanas Concilia Verán prolongarase ata o 8 de setembro, uns días antes de comezar as clases do novo curso. Celébrase cada mañá, de 9 a 14,30 horas, e está dirixido a nenas e nenos nados entre os anos 2005 e 2013. Entre as propostas, celébranse xogos populares e alternativos; teatro con iniciación a técnicas de expresión corporal e dramatización, contacontos, ritmo, baile, e obradoiros de manualidades e aula de natureza e reciclaxe para traballar a psicomotricidade e a creatividade, así como o respecto polo medio.
Todas as actividades celébranse na praia da Madalena e nas diferentes instalacións deportivas municipais.
Así mesmo, e de cara ós próximos días, o programa levará ós nenos e nenas de excursión. O día 18, ás Fragas do Eume e, o 25, ó centro de maiores da localidade co ánimo de favorecer un encontro interxeneracional.