Tarde de derbi local, o noso derbi, no campo da Veiga co gallo do XXV Trofeo de fútbol Concello de San Sadurniño que enfrontou ao equipo local, o Narahío, co CF San Sadurniño. Un trofeo que se xogou cunha calor abafante e unha entrada máis media que boa malia haber festa na parroquia. No deportivo foi un partido cunha chea de goles -marcáronse 6- que, pola contra, non foi en exceso vistoso. Porén, cumpriu co obxectivo de ofrecer momentos emocionantes entre dúas escuadras moi renovadas que andan preparando temporada na 2ª Autonómica. O marcador final, 5-1, volve deixar a copa na vitrina da UDC Narahío.
O partido comezou puntual, ás 18.00h., e cando aínda non ían dez minutos de encontro, Raúl adiantou ao Sansa cun gol que viña recompensar uns primeiros compases visitantes máis efectivos e efectistas que os do Narahío. Foi só un espellismo xa que, ao pouco, o equipo anfitrión acelerou para deter o empuxe do San Sadurniño ou, alomenos, minorar o número de veces en que se adentraba no seu terreo.
A maior presión do grupo dirixido hoxe por Fran tivo recompensa no minuto 34 co gol do empate marcado por Alejo, que aínda volvería batir a rede contraria no minuto 47 despois dun penalti buscado con habilidade por Baba.
Ao descanso chegouse cun 2-1. Pero a cousa non pararía aí. O Narahío mostrouse mellor colocado na defensa e máis puxante en ataque durante a segunda parte. E non tardou en demostralo, cun gol de Baba tan só minuto e medio despois de reanudar o encontro. 3-1 que lle daban aos da casa unha tranquilidade que souberon traducir en comodidade, desenvolvendo a partir de aí un xogo que o mesmo practicaba o toque corto e rápido que os pases en profundidade por terra e aire.
A calor que houbo durante todo o encontro levou ao árbitro a paralo en dúas ocasións, unha na primeira metade e outra na segunda. A alta temperatura -rota só por algunha brisa esporádica- fixo mella no ritmo do partido e, polo tanto, nas oportunidades de marcar dun e doutro lado. E aínda así faltaban dous goles por ver: un no minuto 28 obra do veterano do Narahío Raúl e outro cinco minutos despois marcado por Jon, que deixou o cómputo no 5-1 final e unha copa máis na vitrina da UDC, igual que o ano pasado.