Antonio G. Iturbe presenta este venres «A cielo abierto» en San Sadurniño

Antonio Iturbe – Diario de Sevilla

O xornalista e escritor Antonio García Iturbe presentará este venres ás 20.00h. no adro do Convento do Rosario a súa última novela, «A cielo abierto», na que se aproxima á figura de Antoine de Saint-Exupèry (autor d’O Principiño) e outros aviadores pioneiros do servizo postal aéreo na Francia dos anos 20. A novela recibiu o premio Biblioteca Breve da editorial Seix-Barral e chega aos andeis das librarías precedida de boas críticas e avalada pola solvencia dun autor que colleitou un grande éxito coa súa anterior obra, «La bibliotecaria de Auschwitz».

Antonio Iturbe -Zaragoza, 1967- é escritor e xornalista. «Escritor a ratos, xornalista sempre e curioso permanente«, como el mesmo precisa. Na actualidade dirixe o portal cultural e literairo Librújula, ao que chegou despois de anos á fronte dos contidos da revista Que leer. Conferenciante, profesor de mestrados universitarios e colaborador habitual en medios como La Vanguardia, Iturbe estreouse en 2005 no mundo da novela con «Rectos torcidos» e, tres anos despois, arrancou coas series infantís «Los casos del inspector Cito y Chin Mi Edo» e, posteriormente, coa colección tamén para nenos e nenas de «La isla de Susú».

É precisamente para a cativería para quen máis leva publicado -17 libros en total-, aínda que alternando sempre esa faceta coa de novelista que vén sacando un libro cada tres ou catro anos posto que, como el di, «os libros cócense e maceran lentamente, algo que é beneficioso«. Desde a humorística «Rectos torcidos», Iturbe escribiu «Días de sal» en 2008, participou na obra colaborativa «Narrando desde el Greco» en 2014 e pariu obra que até o momento lle deu maior proxección pública e mediática: «La bibliotecaria de Auschwitz». Nela narra a historia real da supervivente do holocausto nazi Dita Kraus e do xeito en que Fredy Hirsch preservou o ensino e a cultura no medio do horror do complexo de Auschwitz-Birkenau.

Agora volve mirar á historia novelada con «A cielo abierto», ocupándose dos pioneiros do correo aéreo e da aviación civil aló polos anos 20 e, en especial, da figura de Antoine de Saint-Exupèry, autor d’O Principiño. Unha obra mundialmente coñecida que, segundo Iturbe, «escondeu o resto das súas facetas«, nomeadamente a de escritor doutros libros e tamén a de persoa «co oficio de aviador, que el consideraba absolutamente ligado á escrita«.

En «A cielo abierto» -premiada este ano co Biblioteca Breve de Seix Barral- Antonio G. Iturbe aborda un Saint Exupèry «como aviador e como escritor«. Citando ao autor francés desaparecido nalgún punto do Mediterráneo o 31 de xullo de 1944, Iturbe sinala que escribir «era para el unha consecuencia de voar e por tanto todos os seus libros están impregnados da aviación. Cando voaba estaba elucubrando nas súas historias, pensando poemas… voar era para el un acto literario, por iso era aviador e escritor, todo xunto e todo revolto«.

A obra aínda está botando a andar. Faino con boas críticas en xeral, pero tamén precedida do éxito de «La bibliotecaria…». O escritor catalán de orixe aragonesa puntualiza que «A cielo abierto» é unha historia «distinta» e que non sente presión pola trascendencia do seu libro anterior. «Posiblemente non teña o mesmo éxito pero, coma un pai, eu quérolles por igual a todos os meus libros. Para min ter éxito é disfrutar co que fago, estar contento co que escribo… se despois vendo máis ou menos libros, pois mellor que mellor«.

Antonio G. Iturbe estará en San Sadurniño durante boa parte deste mes xa que a súa dona ten raíces en Igrexafeita. A súa estadía ofreceulle á biblioteca municipal a oportunidade de organizar un pequeno evento literario semellante ao que se fixera hai case catro anos para presentar «La bibliotecaria de Auschwitz». O autor falará do seu último libro no adro do Convento do Rosario este venres a partir das 20.00h. Ao remate haberá un pequeno coloquio sobre «A cielo abierto», sobre a vida do seu protagonista e sobre calquera tema literario que o público lle queira propoñer a Iturbe. Se fixese mal tempo, o acto trasladarase á Casa da Cultura.

Lea también

A Alianza Aresana acolle a presentación de ‘Material sensible’, de Concha Tejada

Como xestionar a alta sensibilidade de forma amable, creativa e sostible? Que historias poden inspirarnos …