A concelleira de Participación Cidadá, Catalina García, presidiu a última hora da tarde de onte a reunión do Consello Xeral de Participación Cidadá celebrada no local social do Alto do Castiñeiro. Olalla López e Andrea Rico, integrantes da Sociedade Cooperativa Galega Rexenerando, adxudicataria das tarefas que se levarán a cabo nos vindeiros meses cos Consellos Territoriais, participaron activamente nesta xuntanza, á que acudiron tamén representantes dos grupos políticos da corporación local e de doce entidades do municipio.
No transcurso da convocatoria, tal e como apuntou García, acordouse realizar unha nova reunión específica dos Consellos Territoriais nas zonas urbana e rural, que se convocarán previsiblemente na segunda quincena de setembro e na segunda de novembro. Previamente, para poder asistir, será preciso, indicou, realizar unha asemblea de socios ou veciñal, dependendo da entidade, para trasladar as súas peticións aos Consellos Territoriais. As responsables da cooperativa Rexenerando indicaron aos asistentes que colaborarán coas entidades para programar estas asembleas.
Na xuntanza non se puideron renovar finalmente os cargos do Consello Xeral, ao non estar representadas todas as asociacións veciñais do núcleo urbano e rural, polo que se acordou realizar este trámite en convocatorias posteriores, explicou García.
Finalmente, a concelleira de Participación Cidadá solicitou aos asistentes que presenten suxerencias para mellorar, no caso de que o consideren preciso, o funcionamento dos Consellos Territoriais para levalas a cabo se se consideran viables.
García agradeu aos asistentes á reunión de onte a súa asistencia e subliñou que o goberno local “está á dispoción da veciñanza para calquera suxerencia que queiran aportar en materia de Participación Cidadá, porque se trata dunha área na que as administracións e a veciñanza deben colaborar mutuamente para poder desenvolver con éxito os obxectivos programados”.