O Camiño Arriba, en San Sadurniño, está desde hoxe en festas

Para a xente de fóra -e tamén para algunha de aquí-, velaí unha información importante: o Camiño Arriba está situado ao norte da parroquia de Lamas, na súa parte máis alta, lindando con Bardaos e Santa Mariña. Hai quen reivindica esta parte do territorio como parroquia de seu e case que cumpriría con todos os requisitos. Ten un territorio delimitado, asociación veciñal propia, pista de fútbol sala, bar… só lle falta a igrexa. Para o caso serviría que ten capela e santo a quen honrar, San Estevo, a quen precisamente desde hoxe lle renden tributo como mellor se pode facer: con misa, “fuegho”, música e mesas cheas de fartura.

Este ano a comisión preparou un programa que arranca esta noite de venres cunha velada de petiscos e “beberes” á que está convidada toda a veciñanza e a xente que colabora cos festexos. Será un xeito de quentar motores en plan arrincadeira suave antes da troula do sábado e do domingo.

Mañá, primeiro día de festa propiamente dito, a xornada comezará co toque de diana que se dá cos foguetes co obxectivo de erguer da cama a propios e avisar aos de lonxe de que hai festa no Camiño Arriba. A misa está posta para as 13.00h. na capela do santo -situada nas entremedias do Freixo e Portolamas- que é peculiar polo seu cruceiro de toelo, tan pegado á edificación que é imposible velo pola parte traseira. O cruceiro data de 1931 e é dos máis modernos de todos cantos se contan en San Sadurniño, un dos concellos da volta con máis símbolos deste tipo.

A sesión vermú celebrarase -como é habitual- na explanada da cooperativa, moi preto da capela. Estará animada pola orquestra Alaska, que tamén actuará pola noite compartindo verbena co incansable Grupo Pasión.

O domingo a misa adiantarase ás 12.00h. e tamén a sesión vermú posterior, que arrancará sobre as 13.00h. coa orquestra Alcázar e un extended play co que finalizará a parte musical do Santo Estevo, xa que á noite non haberá festa.

Quen foi Santo Estevo?

San Estevo é, segundo a tradición cristiá, o primeiro mártir da Igrexa. Disque o mataron a pedradas no ano 37 por andar reivindicando a figura de Cristo e as súas ensinanzas, contrarias á lei xudía. Disque.

O seu día é o 26 de decembro e a primeiros de agosto -o día 3- é cando se conmemora o achádego do seu corpo nos arrabaldos de Xerusalén en tempos do emperador Honorio (s. V ). Quizais sexa esta última data a que se celebra no Camiño Arriba. Ou quizais sexa a do 26 de decembro trasladada ao verán por aquilo de que os días son máis longos e con mellor tempo. Quen sabe, ao mellor -case fixo- este San Estevo é resultado da asimilación católica de ritos anteriores relacionados coas colleitas da més.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …