Fene e os outros concellos da banda sur da ría ofrecerán tres obradoiros de emprego a partir de setembro

Os concellos de Fene, Neda, Ares, Mugardos e Cabanas desenvolverán conxuntamente dous proxectos relacionados coa capacitación e a mellora da empregabilidade. En concreto son o Programa Inicia II e o Programa Reinicia IV, ambos financiados pola Consellería de Emprego e Industria, que permitirán ofrecer tres accións formativas, unha entre setembro deste ano e marzo do que vén e dúas que chegarán a xuño. Delas beneficiaranse un total de 35 persoas en situación de desemprego, que poderán prepararse en atención sociosanitaria, en fabricación e montaxe de tubería industrial e en carpintería de moble. Estes dous últimos obradoiros impartiranse en Fene, a quen lle corresponden o 41% do total das prazas ofertadas. O proceso selectivo realizarase nas próximas semanas, xa que os tres cursos deberán estar en marcha antes do 30 de setembro.

Para facer a selección solicitaráselle ao Servizo de Emprego Público de Galicia que remita un listado de aspirantes dos cinco municipios que encaixen cos perfís aos que van dirixidos estes programas que, porén, presentan importantes diferencias. E é que o Programa Inicia II -15 prazas- está pensado para a inserción laboral de xente nova menor de 30 anos que figure inscrita no plan de Garantía Xuvenil. De feito, esta será unha condición indispensable para participar no obradoiro. A inscrición no Sistema nacional de Garantía Xuvenil pode facerse en poucos pasos a través da web do Ministerio de Emprego e Seguridade Social.

No marco do proxecto Inicia II impartirase en Fene un obradoiro de 6 meses de duración que se ocupará dos procesos de fabricación e montaxe de instalacións de tubería industrial, ademais de contar con módulos transversais como o de igualdade ou o de seguridade e hixiene no traballo. Trátase dun curso de nivel 2 para o que, xunto coa adhesión á Garantía Xuvenil, tamén fará falla ter estudos de ESO ou equivalente e ser maior de 18 anos.

A aprendizaxe irá acompañada dunha parte práctica e dun proxecto nun espazo público que, neste caso, servirá para levar adiante as varandas das escaleiras de acceso a San Valentín pola Rúa Machuco.

Reinicia IV

O outro programa de emprego, denominado Reinicia IV, está dividido en dúas especialidades con 10 prazas en cada unha delas (20 en total). Unha desenvolverase en Mugardos, centrada na capacitación en atención sociosanitaria a persoas no domicilio. Trátase dun curso de nivel 2 que requerirá dispor de estudos de ESO ou equivalentes.

A outra proposta tamén terá lugar en Fene e atenderá á formación en traballos de carpintería e de construción de mobles. Para participar abonda con ter estudos primarios e, ao igual que no Inicia II, a práctica tamén servirá para mellorar o equipamento municipal, posto que se prevé fabricar mobiliario para a casa consistorial.

Para estes talleres non hai condicionantes de idade máxima -só hai que ser maior de idade- nin esixencia de formar parte da Garantía Xuvenil. En xeral terán preferencia no acceso aquelas persoas desempregadas que sexan beneficiarias da Renda de Integración Social de Galicia (Risga), mulleres, vítimas da violencia de xénero, menores de 30 anos, persoas traballadoras que esgotaran as prestacións ou subsidios por desemprego, persoas paradas de longa duración, maiores de 45 anos, persoas sen titulación universitaria ou de FP de grao superior e persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

As persoas que completen satisfactoriamente a formación obterán o correspondente certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado. Por outra banda, os obradoiros de emprego tamén suporán a contratación de persoal docente botando man da preselección do SPEG.

Aquelas persoas que desexen obter máis información poden poñerse en contacto coa Área de Formación e Emprego “Pancho Allegue” pasando polas oficinas situadas na avenida do Concello, chamando ao 981 492 767 ou enviándolle un correo a orientacion.laboral@fene.gal.

77 solicitudes para o Programa de Integración Laboral
Ademais destes obradoiros de emprego, Fene tamén ten en marcha a convocatoria do Programa de Integración Laboral financiado pola Deputación da Coruña, que permitirá contratar 7 persoas durante catro meses para reforzar o traballo dos departamentos de obras e servizos.

O Concello rexistrou 77 solicitudes para participar no proceso selectivo, 68 correspondentes aos seis postos que se ofertan para persoal de peonaxe e 9 para un unico posto de oficial ou oficiala de albanelaría. Nos próximos días publicaranse os listados de admisións e exclusións no proceso selectivo.

Lea también

Primeros ganadores de la campaña “En Valdoviño… adelantamos la Navidad”

La campaña de dinamización del comercio local «En Valdoviño… adelantamos la Navidad» ya tiene sus …