A demora media na Xerencia Integrada de Ferrol para unha cirurxía sitúase, a xuño do presente ano 2017, nos 33,3 días; e agardan un total de 1.561 persoas. No caso das consultas externas, a espera é de 49,2 días; e agardan un total de 15.561 persoas. Dende a Dirección Asistencial da Xerencia Integrada de Ferrol reiteran que unha vez máis é “o traballo continuo dos e das profesionais permite soster estas cifras” e que se incide en “non estar nunca satisfeito e en que non esperen aqueles que non poden esperar”. Os datos de demoras correspondentes a xuño do presente ano publicábanse hoxe no espazo electrónico do Servizo Galego de Saúde.
Do total das 1.561 persoas que están a agardar unha intervención cirúrxica na actualidade, o 94% (1.461) esperan menos de tres meses. En canto ás consultas externas, a espera media da Xerencia sitúase nos 49,2 días. Agardan unha consulta neste intre un total de 15.561 persoas; e o 83% (13.018) das mesmas espera menos de tres meses.
Prioridade para o paciente que o precisa
No ámbito cirúrxico, continúa a destacar o traballo das e dos profesionais para segmentar ós pacientes en función da prioridade, para que reciban primeiro asistencia aqueles que máis o precisan, e segundo protocolos e recomendacións das sociedades científicas e criterios sistematizados, clínicos, funcionais, e sociais, como entre outros, a gravidade da enfermidade pola que se ve afectado.
As cifras de demora dos pacientes prioritarios en Ferrol ten sido baixa dende que se iniciou a procura activa destes pacientes con maior prioridade, e sen prexuízo da demora media dos pacientes restantes, cifras que se sosteñen. Os obxectivos marcados no ámbito cirúrxico téñense superado unha vez máis en Ferrol: 13,1 días para os pacientes con prioridade 1; e 28,8 días para a prioridade 2. Na prioridade 3, dende que se comezou con esta dinámica, situouse a espera media a niveis da prioridade 2. Actualmente son 35,6 días.
As claves para esta constancia e mantemento continúan a ser, ó igual que nos meses anteriores, incidir na actividade de priorización; na reorganización de quendas; incrementar a actividade ordinaria; nunha mellor organización dos quirófanos; e favorecer a cirurxía ambulatoria, cirurxía sen ingreso. O papel que xoga a asistencia sanitaria no ámbito dos centros de saúde nesta xerencia integrada é primordial, e supón un mellor cribado de cara á atención hospitalaria.
Un período máis, reitérase que se “trata de que non esperen aqueles pacientes que non poden esperar, e facer un seguimento constante dos casos”. Dende a Dirección de Procesos Asistenciais agradecen “o traballo diario dos e das profesionais en conseguir a sostenibilidade das cifras”.