A vixésimo sétima edición do Festival Internacional de Folclore celebrarase o vindeiro día 15 deste mes no Pazo da Cultura de Narón. O alcalde naronés e presidente do Padroado da Cultura, José Manuel Blanco, e o director técnico do citado organismo, Luciano Fernández, presentaron na mañá deste venres o evento, unha das citas musicais máis consolidadas no calendario cultural da cidade.
As actuacións darán comezo a partir das 21.00 horas e as entradas poden adquirirse a un prezo de dous euros na billeteira do Pazo da Cultura, de luns a venres, en horario de 10.30 a 14.00 horas. O alcalde destacou que esta convocatoria aposta por dar a coñecer “as diferentes manifestacións folclóricas do mundo a través do contacto e da tradición allea”, e anunciou que na convocatoria deste ano participarán tres grupos internacionais, un estatal e o grupo anfitrión, de música e danza tradicional, “Alxibeira”, ademais da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura de Narón.
Pola súa banda, o director técnico do Padroado da Cultura, Luciano Fernández, explicou que entre as agrupacións internacionais presentes neste festival figuran a Agrupación Folclórica-Asociación Cultural Acoidan, de Tenerife; o grupo de Danzas e Cantares Rexionais do Orfeão da Feira, de Portugal; Telón Abierto, da Universidad Ciego de Ávila, en Cuba, e a Asociación do Centro Xuvenil de Kyrenia, de Chipre.
A Agrupación Folklórica-Asociación Cultural Acoidan procede do municipio tinerfeño de Santa Úrsula. Está formado por case medio cento de persoas, que actúan con dúas vestimentas diferenciadas da citada illa, uns realizados con teas industriais de finais do século XIX e outros traxes propios das comarcas da zona, con teas do século XVIII. O seu repertorio inclúe música tradicional canaria, abarcando temas propios de todas as illas do arquipélago e tocando instrumentos tan ancestrais como as characas, tambores da Gomera, etc. Acoidan participa en diferentes festivais rexionais e nacionais de folclore e na actualidade encárgase de organizar o Festival Rexional de Folclore da illa de Tenerife que se celebra no mes de outubro.
O Grupo de Danzas e Cantares rexionais do Orfeão da Feira realizou a súa primeira aparición pública no ano 1981 na Quinta do Castelo. A formación representa a varias rexións do país, con traxes e danzas característicos dos catro cantos típicos de Portugal. Así mesmo, participou en varios espectáculos musicais a nivel nacional e internacional e o grupo é Membro Efectivo da Federación do Folclore Portugués.
Outra das formacións participantes neste Festival Internacional de Folclore será Telón Abierto, de Cuba, que tamén estivo na edición do pasado ano. Este conxunto artístico está formado por estudantes, traballadores e mestres da Universidade Ciego de Ávila (Cuba). A agrupación creouse no ano 1997 a partir dun proxecto cultural que difunde a música e a danza como elementos educativos e para fomentar valores culturais entre o colectivo universitario. Dez músicos integran Telón Abierto, un conxunto con raícs hispánicas, africanas e de rexións caribeñas.
Entre os grupos internacionais figura tamén Kyrenia Youth Center Association. Trátase dunha formación tradicional de danza popular do norte de Chipre que se creou no ano 1998. A transmisión da cultura, a tradición e o folclore ás xeracións futuras e dar a coñecer a cultura turco-chipriota e o seu folclore a outras culturas forman parte dos obxectivos desta formación, que conta cunha trintena de integrantes e que participou nos últimos quince anos en varios festivais locais e internacionais.
O rexedor local e presidente do Padroado da Cultura destacou tamén a participación neste festival da Banda de Gaitas do Padroado da Cultura, creada no ano 1985 e con corenta integrantes na actualidade. A Banda conta cun amplo repertorio de música tradicional, recuperada por diferentes colectivos que realizan traballos de investigación e de autores que aportan novos traballos, sempre marcados pola cultura galega. Muñeiras, xotas, mazurcas, alboradas e pasodobres forman parte das composicións musicais que interpretan nas súas actuacións, a nivel nacional e internacional, cunha dilatada traxectoria no mundo da música.
Estará tamén como anfitrión o Grupo de baile tradicional Alxibeira, do Padroado da Cultura de Narón, integrado por rapaces e rapazas de entre 15 e 30 anos que apostan por recuperar, a través da música e do baile, as tradicións máis xenuinas de Galicia. Creouse no ano 1986 e os seus componentes pertencían xa ás Escolas de Baile Tradicional do Padroado da Cultura de Narón. Os bailes e as cancións máis representativas da zona forman parte do seu repertorio, froito dun amplo traballo investigador ao longo da xeografía galega.
As actuacións deste festival trascenden do termo municipal naronés e chegarán tamén a outros concellos da zona, como Mugardos, As Pontes e Vilalba, tal e como avanzou Fernández.
O presidente e o director técnico do Padroado da Cultura animaron á veciñanza de Narón e comarca a asistir a este evento, “no que poderán gozar dun completo repertorio de música e baile de diferentes culturas nacionais e internacionais”
Veña floclore! Por qué no nos habla Blano de las ratas del río Frexeiro? Hace 5 meses se lo tomaron a coña y dijeron que era un mini-problema, y que había más patos que ratas. Ahora, todo el río cercado con malla metálica porque no hay manera de atajar la plaga. Responsabilidades? NINGUNA. Y qué hay del dinero tirado en comprar el molino de Jubia? Y del que se gastó en comprar el cuartel de la Guardia Civil para NADA? Y de toda esa iluminación led que iban a poner y que aun no pusieron? Y de la «humanización» de las Casas de Marina? Humo, humo, humo y más venta de humo en bote.