Premiados dous traballos sobre xemelgos no Congreso Nacional da Sociedade Española de Xinecoloxía e Obstetricia

Dous traballos sobre xemelgos realizados por profesionais de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol foron premiados no 34 Congreso bienal da Sociedade Española de Ginecología y Obstetricia (SEGA), que se celebrou entre os días 12 e 16 de xuño, en Oviedo. Foron admitidos neste encontro nacional un total de 11 traballos da área sanitaria ferrolá e dous deles -entre máis de 2.000 presentados- acadaron o “premio ós mellores traballos”: Epidemioloxía de 286 embarazos xemelares; e Prematuridade, baixo peso ó nacer, e mortalidade perinatal nunha cohorte de 21.388 nacidos. Diferencias entre nacementos simples e xemelgos.

Dáselle valor á rigorosidade da metodoloxía. Os autores de ámbolos dous traballos son os profesionais de Xinecoloxía e Obstetricia do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol, Laura Sánchez Rivadulla, Manuel Veiga Tuimil, Nadia Domínguez Olivera; Eva Laíño Calo, Belén Gómez Alonso; e Raquel González Seoane. Estudouse unha cohorte dos 286 embarazos xemelares, que se produciron entre o ano 1999 e o 2016, ámbolos dous incluídos. Os datos recolléronse retrospectivamente do rexistro informáticos de partos, o rexistro de mortalidade perinatal (en torno ó nacemento) e as historias clínicas do centro hospitalario. No caso do primeiro dos traballos, estudouse a idade e a paridade maternas, o modo de consecución do embarazo, a corionicidade, a distribución por peso e idade xestacional e o tipo de parto.

Entre outras conclusións, do primeiro dos traballos, figura que a idade máis frecuente nos embarazos xemelares na área sanitaria ferrolá atópase no intervalo entre os 31 e os 35 anos; e que a taxa de prematuros e recén nacidos de baixo peso é elevada. No caso dos segundo dos estudos, conclúese que a gran prematuridade (menos de 28 semanas de xestación) e o peso extremadamente baixo ó nacer (menos de 1.000 gramos) explican a maioría de mortes perinatais nos xemelgos, cando se comparan cos nacidos de parto simple.

Perfil do embarazo de xemelgos na área sanitaria ferrolá

Os embarazos xemelares supoñen na área sanitaria ferrolá o 1,35% do total de partos. O 64,33% das mulleres que tiveron xemelgos eran nais por primeira vez (primíparas). No que se refire ós intervalos de idade das nais, o 1,75% tiñan entre 16 e 20 anos; o 9,09%, entre 21 e 25 anos; o 24,13% entre 26 e 30 anos; o 38,81% entre 31 e 35 anos; o 21,68% entre os 36 e os 40; e o 4,54% restante máis de 41 anos. O 76,57% dos embarazos foron espontáneos; e a porcentaxe restante mediante técnicas de reproducción asistida. O 73,78% dos embarazos foron bicoriais-biamnióticos (con dúas placentas e dúas bolsas amnióticas). O tipo de parto máis frecuente son as cesáreas (o 64,68%); e, por último, a taxa de prematuridade foi do 54,37%, e a de baixo peso do 42,65%.

Análise máis fonda do baixo peso e a prematuridade

O segundo dos traballos premiados a nivel nacional centrábase en coñecer as diferenzas nas taxas de prematuridade, baixo peso e mortalidade perinatal entre nacementos simples e de xemelgos na área sanitaria ferrolá. Estudouse un total de 21.388 nacidos entre eses mesmos anos 1999 e 2016, dos que 20.816 foron nacidos únicos e 572 xemelgos, deses 286 partos xemelares mencionados.

En termos xerais, a taxa de prematuridade é do 7,10% do total dos bebés nacidos; o baixo peso sitúase nunha taxa do 6,53%; e a mortalidade perinatal no 8,32‰. Para os nacementos simples, estas taxas son do 5,80%, 5,54%, e 7,78‰, respectivamente. E, no caso dos xemelgos, son do 54,37%, 42,65% e 26,22‰, respectivamente. Con todo, conclúen que a gran prematuridade (menos de 28 semanas de xestación) e o peso extremadamente baixo ó nacer (menos de 1.000 gramos) explican a maioría de mortes perinatais nos xemelgos cando se comparan cos nacidos de parto simple. Unha vez excluídos eses grandes prematuros, as taxas de mortalidade entre xemelgos e simples iguálanse na área sanitaria ferrolá, aínda que persiste unha maior proporción de nacidos de baixo peso e prematuros entre os xemelgos.

Lea también

El martes inauguración del «Rastrillo» de la A. Nuestra Señora del Carmen

La asociación “Nuestra Señora del Carmen” de Ferrol celebrará desde el martes 26 de noviembre, …