Con moito baile e xogos, despedíanse onte as sesións de musicoterapia na antiga escola unitaria de Vilaboa. Obradoiros impulsados pola Concellería de Servizos Sociais para as persoas maiores de 55 anos desta e das restantes parroquias de Valdoviño e impartidos por AFAL Ferrolterra –Asociación de Familiares de Enfermos de Alzhéimer e outras demencias-.
Neles tomaron parte 20 veciños e veciñas do municipio durante os martes de maio e xuño, de 16,30 a 18,30 horas e asistencia gratuíta. Así, a través da música, dos sons e das vibracións, buscouse mellorar a comunicación, a aprendizaxe, a memoria, a motricidade e a expresión dunha forma completamente lúdica.
Os obradoiros retomaranse o vindeiro curso e, ata a data, celebráronse con éxito nas parroquias de Pantín, Sequeiro e Vilaboa. Precisamente, a descentralización das actividades cara as parroquias é unha das máximas que guía ó Concello á hora de deseñar a programación municipal, segundo explicaba o alcalde, Alberto González, presente onte na clausura xunto á concelleira de Servizos Sociais, Rosana García, e a presidenta de AFAL, Ana María López.
Nesta liña, López aproveitou a ocasión para lembrar ós asistentes que a asociación está a levar a cabo dende hai uns meses talleres de estimulación cognitiva en Valdoviño. Dirixidos a persoas diagnosticadas de alzhéimer ou outro tipo de demencias, celébranse no local da Asociación Cultural A Frouxeira, entidade que, xunto ó Concello, fan posible o proxecto. Continúa aberta a inscrición, co que as persoas interesadas só deben acudir a AFAL ou ó departamento municipal de Servizos Sociais.