O BNG acusa ao goberno de Ares de manipular os informes da Xunta e mentir á veciñanza

Alcalde de Ares

O Grupo Parlamentar do BNG presentou este mércores unha iniciativa no Parlamento Galego para que a Xunta aclare a situación actual na tramitación do PXOM de Ares, que fora aprobado hai agora máis de tres anos. Nesta iniciativa faise un pequeno relatorio do proceso seguido desde o ano 2014 no que o pleno do concello fixera a aprobación inicial, até a pubricación da resolución da D. Xeral de Calidade Ambiental da Xunta o pasado 2 de Maio.

Precisamente, a pubricación deste informe foi a que evidenciou o que o portavoz municipal do BNG, Emilio Mesías, cualificara a pasada semana como “un proceso opaco e fraudulento” acontecido durante estes tres anos. E a evidencia de que isto é así ratifícase coas manifestacións feitas desde o goberno municipal nos últimos días “mentindo novamente sobre o contido do informe e tamén sobre a actuación do goberno municipal” sobre o que Mesías reiteraba que “estamos perante unha emenda á totalidade do traballo (non)feito e, o que é pior, co intento de tomar á cidadanía por parva”.

Afirmacións que o portavoz do BNG concretaba no feito de que “se chegue a trasladar aos medios de comunicación a afirmación de que todos os informes son favorábeis, cando na páxina 6 do informe da D. Xeral só figuran coa cualificación de FAVORÁBEL tres, dun total de 21; e o resto son condicionados e desfavorábeis”. Emilio Mesías entende que esta actitude “evidencia a falta de responsabilidade do goberno municipal e mesmo as súas limitacións no plano ético e moral; porque mentir á cidadanía resulta verdadeiramente indigno”

Na iniciativa tramitada polo BNG no Parlamento Galego faise mención tamén ao feito de que no informe da D. Xeral se afirme que o concello afirma que as alegacións foron resoltas; cando a día de hoxe as persoas afectadas non recibiron contestación logo de tres anos, dando lugar a “unha situación de inseguridade e indefensión das persoas que alegaron, e en xeral do conxunto da veciñanza”, segundo Emilio Mesías; cando hai dados de que “houbo xente que quixo saber da tramitación das súas alegacións –cousa que a actual Lei do Solo regula claramente- e desde o goberno municipal lles foi denegado o acceso á información”.

Lea también

El concello de Mugardos regulariza el proceso de solicitud de plazas en la Escuela Infantil Municipal «As Lagoas»

Según informa el concello de Mugardos  «se completó la regularización de las solicitudes de plazas …