“Facendo Europa en Ferrol. Programas: fortalezas e debilidades” é o título da mesa redonda que organiza o Foro Ferrol Vivo e que se celebrará o vindeiro xoves, día 29 de xuño, ás sete da tarde, no centro cívico de Canido (precisamente un dos inmobles sufrados con fondos europeos, neste caso polo Urban).
A mesa, que estará moderada pola integrante do FFV e especialista en Dereito Europeo, Aroa Fandiño, contará coa participación de Ana Marquina, xerente de Urbanismo do Concello de Ferrol, para falar do Urban e o recentemente concedido Edusi; Ángel Martínez Zas, xerente de Seitura 22, que abordará a implantación do Leader; Miguel Niteo Matamoros, de Proyfe, que é o coordinador do proxecto Life Drainrain no porto local; e de Alfonso Prieto e Mª Carmen Torres, do IES Catabois, que falarán do Erasmus +.
Con esta mesa redonda, o Foro Ferrol Vivo pretende poñer enriba da mesa, pouco despois da celebración do Día Europa –foi o 9 de maio- o impacto que teñen na cidade os programas aos que ten ou tivo acceso, que en moitas ocasións non son suficientemente coñecidos, así como debater sobre os mesmos.
Balance do ano
Dende o Foro Ferrol Vivo faise un chamamento á participación nesta iniciativa, que será a derradeira deste “curso”, que durante xullo e agosto adicará os seus esforzos a atender as cuestións cotiás e a preparar o novo ciclo de xornadas e mesas de debate, que se retomarán en setembro cunha acción que xa se está ultimando. Para as e os integrantes do FFV, estes seis meses –que constitúen o primeiro medio ano de andaina deste espazo de debate e ideas, xa que se formou a mediados de novembro de 2016-, teñen sido un período de moito traballo, pero tremendamente produtivo, posto que, como dixo a súa voceira, Eva Martínez, “constatamos o interese de moita xente pola cidade e por facer cousas en positivo”. “Ferrol, malia a situación, está moi vivo e isto fainos seguir coa mesma forza ou máis, se cabe”, asegurou.